Sucos: blog de Dores Tembrás


Luz do Sul
07/06/2011, 17:01
Filed under: Literatura, viaxe

O paradiso estaba alí. O fascinio nos ollos, os dedos a correr polos andeis, os mobéis de cartón, os cadros a ilustrar paredes ou folio en branco, un teito de libros. Quería quedar alí. E algúns nomes, só algúns, rondándome. Teño que contarllo a __ e tamén a __ e por suposto a __. E despois decido que si, que vou quedar alí, sen présa. Vou quedar alí e mirar para o teito altísimo polo que a luz. Pode que a luz do sul sexa este lugar. Tantos obxectos fermosos acumulándose para min, para que os mirara, para que os lera. Desexos infindos de que o pouso tivera o seu lugar nalgún daqueles andeis, nos que os poetas novos, nos que as editoriais distintas ou máxicas.

Os libros máis lindos, con papeis pintados, con capas de cartón (como aquel outro de Buenos Aires de Eloisa La Cartonera) pintadas a man, series limitadas, cordóns cosendo papeis, páxinas rosas, ilustracións que se superpoñen, marcapáxinas que me deslumbran, e cada recuncho para quedarse.

O que pasa é que hai que escoller. E como? Pois primeiro miro os libros, e ábroos ao azar, e leo un poema, e agardo o impacto, que ás veces non, e daquela leo outra páxina e outra. Tres oportunidades para atraparme. E só poesía. Só poesía.

E cando xa na man, miro os debuxos preciosos, precioseándome, e curioseo nas biografías, e gústame infindo que o autor ou a autora sexan do mesmo ano ca min, gústame que a foto que escollen para a contracapa sexa da infancia, ou un debuxo, ou unha foto rara. E gústame que a rapaza que está alí saiba todo, todo sobre cada un dos libros, que coñeza aos escritores persoalmente, que me sinale, que me conte. E falamos da beleza das editoriais, das descubertas. Eu fantaseo con editoriais así, e cando collo o libro, sei que quen o fixo posíbel ama o papel de cor, as ilustracións, os cordóns, as pegatinas…

Pode que o paradiso estea en Sevilla, dende hai apenas tres meses, na librería Un gato en bicicleta.

Pode que ao mellor, algún día, un libro meu, alí.

Advertisements

3 Comentarios so far
Deixar un comentario

E no papel onde pasan cousas, unha librería:)

Comentario por abm

Cando eu era unha nena, perto da plaza de España e na cidade vella, os rapaces montabamos postos de venda de libros usados, pero non só vellos, tamén “mellorados”, os que estaban moi rotos, cosidos á man, con cubertas debuxadas por nós… as estanterías eran caixas de froita forradas con papeis de cores, as “baldas” etiquetadas:
Tebeos de niños
Tebeos de niñas
cuentos de hadas

e os prezos, variadísimos.
E noutras baldas os “cambios”, casi gratuítos, casi.

Ver esa ilusión túa, lembroume esa aqueloutra ilusión de nena ante tanta cousa por ler.

E tí soñando ver o Pouso alí…
todo poesía.

Comentario por zeltia

Zeltia!!! Que linda historia. Eu nunca montei un posto así. Pareceume marabilloso. Pero si lembro ver algún posto así na rúa, tal e como ti o describes. E o das etiquetas…delicioso! Grazas polo agasallo :D e un beixo grande

Comentario por dorestembras




Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s