Sucos: blog de Dores Tembrás


atrave(r)sada
01/05/2011, 22:28
Filed under: Literatura, Palabra, pensamento, poesia

Sempre procuro o mesmo cando leo, sobre todo no caso da poesía, esa imaxe implacábel, o sen alento, o salmo para gardar. Unha oración para levar prendida na fronte, no peito, nas mans. As palabras exactas, na posición exacta, no momento exacto.  Non todo depende da mestría do poeta, hai unha parte fundamental de nós, supoño que ten que ver con esa comuñón da que teño falado.

Pensei nisto hai uns días, levo tempo trala autoría dun verso que lín hai máis dun ano (non lembraba se era de Margarit ou de García Montero):

O sexo e a palabra. A soidade do mundo.

Procureino con ansia, precisaba verificar de quen era, revisaba os poemarios e nada, negábaseme.

Fixeno meu. Repítomo a miúdo. Tan poucas palabras e a exactitude certeira, ferinte, a frecha da que fala Eva Veiga.

Pregúntome se podería prescindir do resto do poema, que felizmente apareceu onte. Nin lembraba o título (que fascinantes sempre as espirais da memoria). Pero sei que non, que non podería renunciar de todo a ese resto que é o poema que contén o verso, que é precisamente iso, o que o precede, o que me levou  ao abismo antes desa última detonación, é o antes o que me deixou o ar suficiente a rente dos ollos para chegar a el, para que me atrave(r)sara.

Nin sequera podo obviar o feito de que ese verso se encontre nun poema do poemario Misteriosamente feliz, de Joan Margarit.

E así podería seguir ata o infindo, corchetes dentro de corchetes, dentro de corchetes…

Chego a pensar na confluencia coa miña procura poética na escrita daqueles meses, ata dicir que a vida, que todo na vida, me preparou para chegar a ese verso ese día e sentilo estalar no peito.

Advertisements

5 Comentarios so far
Deixar un comentario

Parabéns pola reflexión Dores. Intensa e fermosa.

Moncho

Comentario por Ramón Nicolás

Ramón, grazas pola visita e polas palabras!

Comentario por dorestembras

aí estás tí apaixoadamente debruzada sobre as palabras! co teu entusiasmo incítasme.

[non vas compartir ese poema que espertou a miña curiosidade?]

Comentario por zeltia

Zeltia, non o tiña pensado, pero velaí queda a referencia: o poema é Comentario de texto.

Comentario por dorestembras

E cantas veces eu tamén, si…
“Cáeche enriba unha cagada de paloma e zas!, xa te namoraches!”, dicía un ferrolterrán coñecido meu para definir o amor. Pois algo así debe ser o que pasa cando os ollos quedan atrapados nuns poucos versos, mesmo nunha palabra, nunha liña de texto, nunha secuencia calquera… Zas! Zas! Zas!
Entre os textos que eu levo dentro, emocións xa máis ca palabras, está este que deixou Avilés de Taramancos:
Será o meu corazón quen sinta o vento, será o meu corazón

Comentario por xdafonte




Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s