Sucos: blog de Dores Tembrás


CAOS: Do persoal e o profesional nas artes
29/03/2011, 12:09
Filed under: arte, Literatura, pensamento

Sempre me interesaron os lindes entre vida e obra. Esa raia máis ou menos difusa, ese pozo de Alice polo que é tan doado escorregar.

Nas últimas semanas seguín con gran interese as Derivas (I, II, III, IV) que o crítico Armando Requeixo nos propón no seu blogue sobre a situación da crítica no noso país: unha análise das circunstancias e problemáticas. Un tema espiñento que el aborda con limpeza e honestidade e que recomendo encarecidamente. A súa lectura fixo que as miñas reflexións se amplificaran, porque nestas derivas tamén o persoal e o profesional. Así tomei camiños non transitados antes, sobre os que agardo volver de vagar noutro momento.

A cuestión central que me ocupa agora é a de considerar o proceso de transferencia d@s artistas nos seus traballos (poético, pictórico, escultórico, musical…) As obras de arte (e as outras) son prolongacións do individuo, en tanto manifestacións; é revelador a este respecto, ata que punto podemos chegar a identificar obra e autor, facemolo a cotío: vin un Kandisky, leo a Valente, palpei un Chillida…

É lóxico entender que as críticas e os parabéns se espellen directamente da obra ao autor.

[Antes de seguir debo confesar a obsesión que mantiven-manteño ao longo dos meus anos de investigadora, chegando case  á impertenencia con outros investigadores de Pizarnik (sobre todo norteamericanos) que traballaban ao mesmo nivel vida e obra. Sempre me pareceu isto terriblemente empobrecedor, apoiar a análise da poética nas circunstancias vitais do creador devaluaba a riqueza da creación. Fago esta aclaración porque non é contraria ao que tento expoñer hoxe aquí.]

Isto levoume a reflexionar sobre se todo é persoal. Repítome a pregunta a calquera hora. Coido que si. Todo é persoal. Pero encubrimos os nosos xuizos en trampas da linguaxe e ocultamos as vísceras. Para min a profesionalidade non é máis ca unha cualidade do persoal.

Lía estes días unhas notas sobre Boris Vian relacionadas con L’Écume des jours. Esa obra fundamental para el (para min, para millóns de lectores), que só acadaría o recoñecimento merecente moitos anos despois da morte do seu autor.

Esta obra de Vían debía baterse con Terre du Temps, de Jean Grosjean, no duelo polo “Prix de la Pléiade”, fundado por Gallimard. O combate real resolvía non só a calidade-grandeza das obras senón dúas concepcións da literatura moi distintas. Gañou Grosjean. A propósito da reacción de Vian o editor do volume que manexo anota o que sigue: “A reacción do novelista en ciernes é máis forte e máis violenta do que se podería esperar nunha persoa tan anárquica nos seus costumes e tan contraria a condecoracións e celebracións institucionalizadas como era Boris.”

Cando o compromiso do creador é total coa obra, como no caso de Vian, a decepción que pode causar unha mala crítica ou a perda dun premio é persoal. É curioso que un dos epígrafes da introducción do volume a L’Écume des jours sexa: “Boris Vian e a literatura do seu tempo: un escritor á marxe do compromiso”.

Puntualicemos: hai maior compromiso que o que Vian practicaba coa palabra, coa linguaxe, coa renovación da literatura? É mais, é posíbel outro tipo de compromiso?

Vian cambiou para sempre o significado de nenúfar.

Alguén a quen admiro profundamente sempre me di que o único xuiz é o tempo. (Esa metáfora das batallas e a guerra ecoando)

Si.

Pero non podo evitar a fenda ao saber que Vian (e tant@s outro@s) non viviu o éxito da súa obra, o seu.


3 Comentarios so far
Deixar un comentario

Ola Dores:

Antes nada, mil grazas pola túa positiva consideración do meu traballo, que moito estimo vindo de ti, creadora e investigadora de calidade contrastada.

Interésame grandemente o teu concepto de “transferencia”, que me vou permitir alcumar “biotextual”, polo menos ata que ti lle atopes un nome máis aquelado. Pois ben, coincido plenamente contigo en que a transferencia biotextual se produce sempre, en maior ou menor grao, e, polo tanto, é un exercicio artificioso considerar un texto obviando absolutamente a circunstancia persoal do autor, porque podemos perder ancos interpretativos interesantes. Evidentemente, tamén ao revés; é dicir: ler un texto só e tan só á luz do persoal pode resultar redutor de máis e tremendamente empobrecedor. Entendo que, para cada obra e para cada autor, haberá que atopar a xusta proporción na intersección de ambas liñas de forza encontradas.

Ora ben, coido que esa transferencia biotextual non é de ningún xeito admisible no labor dese escritor de ensaio singular que chamamos crítico literario, pois se este cede á tentación de proxectar nos seus xuízos pareceres que nacen de circunstancias persoais (como o coñecemento e positiva / negativa consideración do crítico polo escritor ao que comenta) está perdido. A estes efectos, o crítico ten que facer un exercicio de abstracción case zen (e se me apuras mesmo de contrabalance) para que nada no seu comentario se revele como nacido de filias e fobias alleas ás calidades intrínsecas do texto, que deben ser as únicas a considerar para el.

Insisto: moi suxestiva a túa reflexión sobre a trasferencia autorial-creativa. Un pracer lerte!
Saúdos cordiais.

Comentario por Armando Requeixo

Armando,

que pracer ler o teu comentario e terte por aquí!!

Paréceme moi acaído ese alcume “biotextual”.
Concordo completamente: cada autor require, na procura desa intersección, unha ecuación distinta.O equilibrio non sempre é doado.

Tamén eu considero inadmisíbel as interferencias desa índole no traballo do crítico ou do investigador. E volvemos ás túas Derivas. Sen dúbida ese exercicio de abstracción é necesario para unha labor depurada e honesta na crítica da obra, acudindo mesmo a ese contrabalance na procura da “obxectividade” precisa á hora da análise. Por iso é tan importante a autoavaliación, falo como creadora, e a aceptación da valoración dos críticos coa maior asepse posíbel. Sen embargo nin este exercicio nin o da abstracción, que comentábamos antes, son doados ou abundan como sería desexábel.
Filias e fobias, tendencias, diverxencias e converxencias fan do voso traballo un campo minado.

Non me estendo máis por hoxe, sabendo que queda moito por debullar nesta conversa.

Apertas

Comentario por dorestembras

Hai moita chicha no teu post, Dores, e moita tamén nas ligazóns que xentilmente nos achegas.
Non podo falar como creador nin como crítico, porque non son nada diso, pero aínda así vou terzar na cuestión que colocas no taboleiro.
Para min non hai dúbida: todo é persoal. A idea reducionista de que un suxeito e un obxecto poden interrelacionarse desde a obxectividade pura non se sostén nin na física moderna. Daquela, se as interferencias entre observador e observado se constatan ao nivel das micropartículas, que non pasará cando son relacións nas que as protagonistas son as persoas?
O que Armando chama Sistema Literario Galego é un territorio moi acotado cunha presión demográfica moi alta. Nese contexto é doado de entender que as tensións se agudicen e que se observen prácticas pouco éticas. Eu teño asistido a bastantes delas, e calquera lector de prensa pode ler, con relativa frecuencia, comentarios ou análises nos que se descalifican autores e/ou correntes por cuestións tales como filiacións políticas, tendencias estéticas, pertenza a determinados entramados empresariais, etc. etc.
Ser conscientes destas cuestións debería servirnos a creadores, críticos e “consumidores” [tamén] para estar alerta e, como ben dis, sempre atentas/os ao que nos devolve a autoavaliación, á autocrítica valente.
Quero pechar este comentario cunha anécdota que amosa o afiadas que están as navallas dalgunha xente. Espero, Dores, que non a xulgues inapropiada. Isto sucedeu hai uns anos nun centro educativo no que se organizou un acto literario. Entre os/as asistentes, dúas poetas moi coñecidas, mediáticas ambas. Ao remate do acto servíronse uns pinchiños para asistentes e profesorado do centro. Un ambiente distendido, conversas por aquí e por alá, risas… No medio do balbordo, unha das poetas mediáticas dille a alguén, referíndose á outra poeta mediática: “O que máis me chama a atención dela é que, para o menudiña que é, ten unhas tetazas tremendas”.

Comentario por xdafonte




Deixar un comentario