O último post sobre a colección de Jandro Villa fíxome pensar nun texto que escribín hai xusto un ano sobre un anuncio de Vuiton. Un filme de FLY 16×9: Shadow.
As vicisitudes para recuperar o video quitaríanlle protagonismo á mensaxe e hoxe só quero deixar aquí unhas palabras sobre os obxectos e a beleza. Unha curta en palabras.
Non é só a música, non é que a sutileza monocromática do comezo te desarme. Non é o mar de grafito, nin o vento, nin a escuma, nin as pestanas soliviantando edificios. Nin os caracteres chineses do papel engurrado.Non é a arquitectura que a envolve, a ela, o chaquetón perfecto, a brétema, o colo, as costas. Armadura de la contra frío. Non é a procura, o paquete, o estourido do marelo, nin a luz que te cega.
Tampouco percibila así, anicada, limiar do rendimento incondicional que ha de vir.
Non son os zapatos imposibeis.
Non é o achádego do bolso.
É como o colle, como o toca, como o aproxima ao peito, elevando a categoría de obxecto, é a consciencia de estar ante algo excepcional, como se o obxecto representase a mesma beleza, o sublime do universo. Agora ela é albacea desa potencia. Protectora, custodia.
Non son os estalos de cor en China Town trala reixa, nin a entrada do home, que a segue. Non é a voltaxe desa persecución, nin o desexo do encontro.
Non son os edificios verquidos na poza, a poza. As escaleiras para non subir nin baixar, o asfalto. Non é esa rúa sen saída.
É a revelación, a luz, o segredo transmitido xa, a imposibilidade de contelo.
Non é o que non vai ser.
É a inclinación de cabeza del, a súa man agarrando o bolso, quitándollo con firmeza lene, sen violencia.
É a inclinación de cabeza da muller.
É
que ela
xa está infectada
de beleza.
10 Comentarios so far
Deixar un comentario
Sí que é a curta en palabras. As túas.
Comentario por zeltia 15/03/2011 @ 23:35sabes? primeiro lin o texto.
Despois vin o video.
Gustaríame tamén, se o vise por ahí… pero, como sempre me pasa contigo: sígote tras as palabras e a realidade cambia.
Zeltia :) Os obxectos, non si? Sempre aí, recordatorios, materia que acompaña, herdanza e legado. Feliz de que a curta mudase a realidade…as palabras.
Comentario por dorestembras 17/03/2011 @ 10:16(Lembrei o que tés dito dos obxectos…)
Comentario por zeltia 15/03/2011 @ 23:37Un pode vivir infectado de beleza e non se decatar. Pásalle aos pequechos, que procuran rostros fermosos entre as caras adultas. Tamén un pode vivir de costas á beleza e daquela todo o que faga ou diga será terrible. Mais o mellor é cando se vive consciente da beleza que hai no mundo, nas xentes, nos versos, nos silenzos e nos berros, na luz e na escuridade e tamén, si, como nos contas, nos obxectos. Nietzsche vía poucos motivos para estar na terra. Un deles era a propulsión á beleza. Cando coñeceu a Lou von Andreas Salomé, a muller pola que perdeu a pouca cabeza que tiña, espetoulle colléndoa da man: “de que ceo caíches para vires ata aquí?” Infectado de beleza por ela. Probablemente xa o estaba de antes de coñecela, de antes de ser el mesmo el. Declárome infectado e consciente da infección. Grazas por este post tan interesante.
Comentario por náufrago 16/03/2011 @ 22:58A beleza, náufrago, tan aí. Ese inocularse de beleza que nos trascende, que agardaba por nos antes de nos chegar, que ti tan ben describes no teu comentario. Agradecida pola descuberta de Nietzsche, polas palabras.
Comentario por dorestembras 17/03/2011 @ 10:21FANTASTICO POST DORES.
Comentario por MANUEL SUAREZ 19/03/2011 @ 22:27FANTASTICO O DOCUMENTO
PERO COIDO QUE A MIN MAIS ME ATRAE E A ADICCION E DEPENDENCIA BRUTAL DA PROTAGONISTA,
QUE SEXA ELA A POSEIDA E NON A POSEEDORA
PERO CLARO QUE A MIN PODENME AS ADICIONES E OS ADICTOS, MAIS AINDA SE NON TEÑEN SALVACION ENDEXAMIS
OS ETERNOS SUFRIDORES
O ETERNO DOENTE
UN BICO
Manolo leo o teu comentario e volvo ao video coa túa ollada. Esa adicción revélaseme precisa e brutal. Esa dependencia é absoluta. Esa é a posesión que para min modifica a categoría dos obxectos (Este post non tería sentido se falasemos de arte, porque daquela todo estaría permitido, pero tratándose dun obxecto…). Sen tregua, a doenza da beleza. Tamén para min as adiccións e os adictos. A ansiedade que agora xa non poderei deixar de ver no video grazas ao teu comentario. Agradecida, como non sabes, por abrirme outra porta nesta disección da beleza. Beixos.
Comentario por dorestembras 20/03/2011 @ 10:20O comentario de Manuel ten moita forza.
Comentario por Zeltia 21/03/2011 @ 09:46Cando estaba vendo o video houbo un intre que tiven que rexeitar da miña conciencia un belisco de desazón que sentín.
Unha emoción que se ía tornar en desagradable, precisamente no referente ao “poder” que o obxecto exerce.
Pero gustoume máis acubillarme nas túas palabras conductoras.
O poder, tamén, das túas palabras.
fascinante a relación case sensual que se establece entre a protagonista e o bolso… pódese case sentir a pulsión do desexo…
Como sempre un auténtico luxo poder disfrutar do acertado do teu pensamento e da beleza das túas palabras
Comentario por Nuria Blanco 24/03/2011 @ 15:06E a beleza feriume para sempre
Comentario por xdafonte 07/05/2011 @ 08:09