Sucos: blog de Dores Tembrás


Jandro Villa: poética da fariña e o pano gris
10/03/2011, 09:12
Filed under: creación, poesia

Un feito así non debería pasar inadvertido. Foi ver un dos seus modelos e ficar intrigada. Jandro Villa ven de ser galardoado co Premio Nacional de Xóvenes Desañadores celebrado hai algo máis dunha semana. Pero o de menos é o premio, o de máis é o seu traballo.

Podería citar catro coordenadas explícitas que me levan a este xoven deseñador vigués: Cage, Finlandia, fariña, pano gris.

Non fun quen de dar cun artigo a fondo que falase da poética da súa colección Madia leva. Eu agardaba atoparme cunha reportaxe magnífica, como algún deses monográficos que desfruto do VOGUE, pero non tiven sorte. Ao mellor xa está feito e eu simplemente non dei con el.

Leo un par de entrevistas, a nova do premio, algúns blogs entusiastas do seu traballo, vexo as fotos da colección “Yankee 0” coa que gañou en 2009 o “Premio á Pasarela Internacional de Xóvenes Desañadores”. Fantástica! Unha mostra de como deconstruir toda unha serie de iconos e tópicos americanos cun corte impecábel.

Pero a fascinación chega coas imaxes da presentación de Madia Leva, e sei que me atopo ante un poeta do pano gris, que foi quen de amosar a proxección da roupa tradicional ofrecendo a vangarda en superposicións, tras palmadas de fariña. Porque intúo que nel tamén a sofisticación da orixe. Enmarcan a colección o pano negro na cabeza e os  óculos de Castelao, esa iconografía que el mesmo recoñece e da que se sinte deudor: “unha mestura da iconografía da Galicia profunda, con escritores como Rosalía de Castro ou Castelao, coa cultura clásica nórdica e materiais atopados en cuarteis militares fineses”

Claro, Finlandia, e de súpeto Helsinki, a tuomiokirkko, a sobriedade mais exhuberante, as saias daquela deseñadora finesa que apuntaban a un origami nórdico. As superposicións imposíbeis, o frío, o branco suxo, o gris.

Descubro nunha entrevista que lle gusta Cage. Sorrío para min. O silencio, esa procura desesperada de Cage, de tantas e tantos… faime auscultar de novo as pezas de Villa, releo nelas a arquitectura minimal da elegancia, unha depuración obsesiva. A mestría do patrón.

A fariña. As imaxes da súa colección contábanme tamén os versos que escribín hai un par de anos, e que veñen definir a toda unha estirpe de mulleres:

limón nas mans

fariña no corazón

(Noutra ocasión falarei da historia do poema, a súa débeda con Ugia Pedreira e Carvalho Calero)

Jandro Villa empoa o ar, e un rebumbio de imaxes atravesan a miña cabeza, dende o tocador de María Antoñeta ata a xenealoxía feminina máis inmediata, da que son debedora. Por iso entendo que el mesmo declare: “A fariña funciona como un elemento máis da colección”.

Síntome ante alguén que acode á cerna para subliñar os pregues da identidade nun traballo fresco e exquisito, un observador atento que coñece a potencia das mans que sacoden a fariña:

Aplausos. Inclinación de cabeza.

Advertisements

5 Comentarios so far
Deixar un comentario

Nese último párrafo resumes [e transmites] moi ben o que sentiches…
É fácil velo a través da túa mirada. [todas esas mariquiñas empoadas de fariña] Grazas polo entusiasmo

Comentario por zeltia

El pueblo unido jamás será vencido
El pueblo unido jamás será vencido

y así verás
tu canto y tu bandera florecer

Volven a min os acordes do vello himno [agora robotizados] mentres sigo os andares rotundos das modelos, que teñen tamén un punto robótico que me cautiva e me fire ao mesmo tempo.
De pronto sacoden as mans enerxicamente -plasplasplas- e enfariñan o escenario. Gustaríame que ese xesto tivese sido menos impetuoso, menos desafiante: máis acorde, en suma, co rango reverencial e simbólico que para min ten a fariña [manías que un ten, que lle imos facer].
Non coñecía a Jandro Villa e pode que nunca tivese sabido del se non o vexo aquí, pero gostei moito da súa proposta para a muller “neopanadeiriña”.
[Sorprendeume que entre os espectadores da primeira fila houbese tanta acumulación de homes novos calvos. Algunha explicación?]

Comentario por xdafonte

É interesante que tanto Zeltia como Falabarato empreguedes diminutivos para refererirvos ás modelos “neopanadeiriña” e “mariquiñas”. A min as modelos, o que representan (non esquenzamos que estamos ante unha posta en escea) non me levan a un diminutivo, ao contrario, mais ben a pensar nunha muller segura, decidida, exenta de sufixo. Sen embargo coincido con Falabarato no exceso do xesto ao sacodir a fariña, non sei se diría ímpetu ou desafío, pero si destilan agresividade ou impostura, quizáis tamén sexa porque para min o rango simbólico e reverencial da fariña está por riba da escea.
Un pracer lervos sempre por aquí :)

Comentario por dorestembras

pois eu como non amaso nin ando coa fariña coma vós os dous, non vexo a fariña cun “rango reverencial”. (seguro que se me poño llo atopo) :) pero tomei ese xesto coma un desafío. aquí estamos, ¿e que?

[cando falei das mariquiñas referíame aos milleiros delas que estiveron detrás destas]

Comentario por zeltia




Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s