Ás veces unha palabra regresa, non a ves vir, é coma se tivese estado por anos nos pregues dun vestido bordado de nido de abella, dos que xa non. Daquela as pupilas dilátanse, e a conmoción por recuperala paraliza os músculos porque unha nunca sabe se poderá reter esa palabra.
É Diana Varela Puñal quen ma ofrece na carta-prólogo do seu novo poemario ANIMAL ABISMO (que se presenta hoxe, venres 4, en Portas Ártabras ás 20:00).
Levo un par de semanas pensando nela, na palabra, na bondade. Sempre igual coas palabras, nun exercicio que podería semellarse bastante a unha cata de chocolate, de aceite, de auga: pegas a palabra ao padal, desfaise na lingua, e xusto nese intre inhalas as primeiras notas, a intensidade, para logo demorarte no conxunto que provoca o encontro. Vas trazando unha constelación de conceptos próximos, e sempre a etimoloxía, e sempre o uso. Pero sobre todo, o vencello íntimo e intransferíbel con ela.
Hai palabras que caen en desuso, un dos rapaces do Instituto de Carril explicábamo coa palabra honor. E iso indica xa tanto.
Pensei estes días que dalgún xeito a expresión É unha boa persoa invadiu os matices que estoutra É unha persoa bondadosa pode ofrecer. A bondade. Que perto querería estar desa palabra, do que representa, coñecín, aínda coñezo, a algunhas persoas bondadosas.
Achégome a ela como se fose unha anciá descoñecida que me ofrece pan con manteiga saraivado de zucre. E na extensión do brazo, no xesto dos dedos, aniña a palabra.
No etimolóxico de Corominas, na entrada BUENO, fan referencia á bondade.
RAG: Calidade das persoas que as impulsa a ser boas cos demáis e a face-lo ben.
RAE: Cualidad de bueno./Natural inclinación a hacer el bien./Acción buena./Blandura y apacibilidad de genio.
Nada me satisfai, ningún dos significados ofrece o que procuro. Porque no fondo querería ter atopado o retrato de quen eu sei. Alí na entrada de bondade, querería ter lido como primeira acepción: cualidade dalgunhas persoas extraordinarias, éstas soen levar unha estrela de prata no peito que indica, a quen os ve, que se atopan ante a sabedoría sinxela, a verdadeira.
Se te tocan estás salvado.
3 Comentarios so far
Deixar un comentario
Eu, igual que a xente da RAG, non sei definir a BONDADE. Tampouco sei o que é a PAZ, nin o que é a VERDADE, nin o significado preciso da palabra TRISTEZA, nin o de AMOR… nin hostias.
Comentario por xdafonte 04/03/2011 @ 10:32Só podo achegarme á idea da bondade a través daquelas persoas que sinto que a encarnan de xeito inequívoco. Estou pensando agora nesas persoas e deslúmbranme as fotos que me chegan de cada unha delas : resplandecen coa luz que levan no seu interior. E non o saben.
Non creas que me vén aos miolos a imaxe da avoa do pan con manteiga, que tamén, senón máis ben a dun mozo discapacitado co que trato desde que el era un neno. Non saberá sumar de cabeza 25 + 13, por poñer un caso, pero leva dentro tanta luz que podería iluminar a RAG, a RAE e ata a RENFE.
Grazas por ese artigo tan provocador.
Que fantástico comentario!!! Si, si, si. E a imaxe final, a luz, esa estrela de prata no peito: podería iluminar a RAG, a RAE e ata a RENFE.
Comentario por dorestembras 04/03/2011 @ 10:42Tan agradecida, como non sabes.
Deíxasme pampa co da cata da palabra…
Comentario por zeltia 04/03/2011 @ 20:56[unha mágoa non poder estar hoxe na presentación do libro de Varela Puñal, a túa descubridora de palabras