O martes fun ao instituto Miguel Ángel González de Carril. Fun para dar o obradoiro: poesía + grafiti aos cursos 1º B e 1ºA.
Sempre resulta emocionante e alentador traballar poesía cos máis novos. Chegoume a pouco. A ambición é sempre tanta, quero contarlles tanto e ter tempo para que traballen, para que falen das palabras das tarxetas, para que as fagan súas, para que o poético por fin entre as mans adolescentes.
Emocionante escoitalos recitar a Bécquer, que algún coñecese a Neruda, que definiran a poesía así, sen prexuizos, que falaramos dos grafiti de vilagarcía, do propio instituto, que me deixaran contarlles que as cereixas para min… Que os post-it habían de inundar corredores, portas, muros.
Ás veces unha sae coa sensación de que si, que foi verdade, que esas horas compartidas mudaron algo, que os versos que me entregaron ao final da sesión embeleceron aínda máis o frío da mañá no Carril.
Grazas a Ana, a Miguel, a Luli, ao centro por acollerme, por deixar que a biblioteca se convertira nun verdadeiro laboratorio poético.
Desexos de voltar.
Aquí vos deixo algúns versos:
—
Recordo as mañás de inverno
nas que ti e mais eu
escribíamos os nosos sonos no cristal
grazas aos nosos bafos
por fin soñabamos espertos
soños dun instante
soños que se esvaecían no tempo (Carla)
—
O baleiro é un branco potente
o baleiro e a soidade
eu teño que estar só
e non podo (Telmo)
—
unha gota de auga
forma un río
un río forma un mar
un mar forma un océano
un océano forma ideas (Alex)
—
As pezas dun puzzle
son como o meu corazón
a persoa que as xunte
será o meu gran amor (Thomas)
—
O honor, que é o honor?
para algúns unha palabra
para min, unha forma de ser
un recordo de tempos pasados
cabaleiros que respetan as xentes
persoas que se preocupan polos demáis
O “honor” unha tradición olvidada
Por qué ninguén pensa nel?
Que pasaría se volvesemos ao honor?
Habería máis xustiza?
Quen sabe! (Antón)
—
A vogal
o son das palabras
que eu escoito
no meu corazón (Xoán)
—
Non me gusta a tinta cando
as miñas mans vai ensuxando
Pero gústame cando se usa
para imprimir os libros
que leo pola noite
cando
dende o interior do meu boligrafo
vai correndo
e pégase no papel
as palabras
mantendo (Sandra)
—
caleidoscopio
é un mundo de cores
onde poder ver
amarelo e vermello (Manuel)
—
como as pegadas na area
o teu recordo
levouno a alta marea (Juan José)
—
2 Comentarios so far
Deixar un comentario
Grazas mil, sempre grazas pola presenza e pola palabra.
Comentario por abm 04/03/2011 @ 01:43Estou segura [pero segura] de que a semente que botaches neles xermolará.
Comentario por zeltia 04/03/2011 @ 20:43O teu entusiasmo é contaxioso!