Sucos: blog de Dores Tembrás


Efecto mimosas
16/02/2011, 22:58
Filed under: petit trèsor

Hai uns anos que merco mimosas na Praza de Lugo. Sempre no mesmo posto. Vou alí na certeza de atopalas. Non as hai nin nas floristerías do meu bairro nin na praza das Conchiñas. A pasada semana falei disto coa rapaza do posto que mas vende. Díxome que se non fora por algunhas señoras maiores que llelas levan elas tampouco as terían, porque os distribuidores de flores non as traballan ao ser tan delicadas e durar tan pouco.

-Son señoras de aldea que van collelas ao monte. Iso e mailo verde nos traen. Non sei que faríamos sen elas.Unha delas xa non ven, ía moi maior.

-Pois non pode ser, non poden deixar de telas, é unha das flores máis fermosas que hai. E dicíallo mentres ela me envolvía unha boa ramallada delas.

Saín da praza. E foi cando comecei a notalo. As mulleres virábanse cara a min, algunhas sorríanme. Sentía as conversas atrás miña:

-Mira esas mimosas. Son preciosas.

-Y qué bien huelen, respostaba a compañeira.

Logo as nenas e nenos de mandilón a raias á saída da escola.

-Papá, como se llaman esas flores?

-Mira, mira, mira las flores que lleva esa chica.

(E podería poñer máis exemplos, na cafetería, no autobús, no paso de peóns…)

Despois fixen algo que miña nai me aprendeu a facer de nena. Fun á escola a recoller ao meu pequeno, e deille un ramiño para que llo agasallara á súa mestra. Nós facíamos iso, levabámoslle á mestra ramiños de flores dos balados, e no tempo das candeas un ramiño de mimosas. Foi fermoso ver as caras do pequeno e a mestra. A ilusión do primeiro ao ver o efecto que xeraba o agasallo na mestra que tanto quere. A expresión de sorpresa e agradecimento sinxelo na mestra, ao tempo que dicía:

-Son das miñas favoritas. E apertaba ao meu fillo contra si, como se lle devolvera un obxecto perdido e moi querido, un anaco de infancia. Eu de pequena…

Sentín o poder desas esferas marelas,  fráxiles,  nas faces coas que me cruzaba. Pensei no pouco afeita que está a cidade a estos asaltos da natureza. Pero tamén me decatei de canto agradecen a visión dun fragmento de beleza silvestre.

Advertisements

13 Comentarios so far
Deixar un comentario

Non sabía que se vendían as flores das mimosas…
Meu pai ten unha finca chea de mimoseiras. Leva toda a vida coidándoas porque lle dan unhas varas moi feituquiñas para as traer á liña as prantas das xudías e dos tomates.
Cando chega o seu tempo, córtaas con moita parsimonia e vainas afiando con golpes precisos de machada [É que me coñece, por iso se deixa manexar así, tenme dito ás veces co seu humor parco]. Despois ponas con moito xeito no cuberto, á espera de cargalas no tractor e de ilas levando para a leira.

Comentario por xdafonte

Non sabes que agasallo foi o teu comentario na mañá, a visión das mimoseiras, das varas, a machada :) Moi agradecida.

Comentario por dorestembras

Eu tamén lle levei algunha vez flores á miña mestra no parvulario, pequenas rosas das que coidaba miña nai. Curioso, só había un par de rapaces que o fixemos algunha vez, un compañeiro asturiano e máis eu. Agora pregúntome se era casualidade… :)

Comentario por _luara_

:)

Comentario por dorestembras

Pódote ver, Dores, andando pola Coruña, entrando no bus, cruzando no semáforo, todo en branco e negro. En color só a brazada de mimosas rechamantes e os teus ollos brillantes.

Comentario por Zeltia

Querida Zeltia… :)

Comentario por dorestembras

Nunca me gustou o olor das mimosas. De pequena, no colexio, celebrabamos o día da Candelaria, todos coas nosas candelas, e algunha compañeira levaba a súa rodeada de mimosas. Non soportaba ese olor. O olor non me permitía ver a flor.
Logo, pasado o tempo, dúas amigas queridas, amantes das mimosas, fixeron que ese olor se mitigara e puiden disfrutar da delicadeza da flor, das súas pintadas impresionistas.
Hai xestos -flor abrazada na cidade, flor para a mestra- que son salvíficos.

Comentario por abm

Para min son unha parte da imaxen do Feal. O lugar onde naceu e vive miña nai, … Sen embargo, has de saber que a mimosa está sendo perseguida poe seres unha especie alóctona…

Comentario por Alfonso Tembras

Eu lembro coller no patio da escola flores para levarlle a miña nai. Aínda hai pouco ela conservaba unha margarida totalmente aplastada, que desecou e prendeu cun celo sobre unha folla de papel, coa frase que seica lle dixen cando lla entreguei: “Está machughada porque tiven que gardala dentro da man para que non se rompera porque chovía”. Que minúsculo e sinxelo era todo entón. :)

Comentario por Berta

de-li-cio-so

Comentario por osondaxordeira

Gracias, Dores, por compartir connosco unha parte tan preciosa de ti a través das túas palabras. Aínda non hai nin unha semana que tiña eu tamén esas preciosas ramiñas cheas de boliñas amarelas na casa…

Comentario por Laura

[…] persoa a quen admiro agasalloume hai pouco cunhas palabriñas manuscritas e cunha mimosa infectada de […]

Pingback por aínda non murcharon as mimosas «

http://anacibeira.blogspot.com/2011/04/todo-o-que-reloce-e-ouro.html

bela, déboche unha foto das mimosas reais das que falamos!!! pero xa non as ten a señora, parece que abril ou a primavera levounas por diante… pero vai ir a foto igual do posto.

PRECIOSA tamén a historia que conta xdafonte, gárdoa para sempre!!!

Comentario por Ana




Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s