Sucos: blog de Dores Tembrás


Febres I
04/01/2011, 17:15
Filed under: Literatura, pensamento, petit trèsor

Pensaba estes días, tralo último post, na emoción estética que provocan en nos algunhas obras de arte. E tanto poder coma ela ten para min a post-emoción, un proceso complexo, fascinante e case histérico que no meu caso segue  inevitábelmente ao impacto de dita emoción. Nesas febres a estudiosa máis impertinente sae á luz.

Merquei hai un par de días El idioma de las nubes. Ocho textos de arte y literatura de Juan Carlos Botero. Merqueino só por un motivo, adicalle un estudio a José Asunción Silva.

José Asunción Silva foi unha desas febres. Lin De sobremesa en 4º de carreira. E o encontro foi coma caer no tobo infindo de Alice. Lembro aqueles días de entrega á obra magnífica de Asunción Silva, que me levou da man a Maria Bashkirtseff. Gardo algunhas páxinas impresas das miñas procuras de enton. Reteño con precisión a imaxe do mausoleo da escritora rusa, a lectura dalgunhas páxinas dos  seus diarios, da súa poética, da súa correspondencia, da súa morte. Porque neses día nada sacia. Nada é abondo. E daquela sempre a pregunta. Como podía non saber que existía?

Aínda que xa coñecía a irmandade pre-raphaelita, a lectura do escritor colombiano permitiume regresar aos tesouros da escola inglesa, redescubrilos na mirada de Silva, dese retrato imposíbel e inédito que só nel.

Nunha das estadías que fixen en Suecia din un monográfico sobre Silva e a súa obra. Naquel inverno regalaranme un libriño coqueto e diminuto da Irmandade, adquirido nunha tenda encantadora de segunda man en Häga. Levárao á aula para mostrarllo ás alumnas e alumnos. Fora unha sesión apaixoada e fructifera. Aquela mesma tarde, tomando un chocolate nun café do centro roubaronme o bolso. Foi a primeira vez na miña vida. Traxedia maiúscula. Non só polos cartos que levaba para as compras de nadal, nin polo bolso magnífico que non puiden volver mercar. Dentro ían os traballos do alumnado, o meu libro de Silva, o da irmandade pre-raphalelita e unha estilográfica de aceiro que me acompañou ao longo de toda a carreira e que sinalaba unha data especial.

Desolación quedase curto. Non vou escreber o moito que chorei aquel roubo. Os días seguintes miraba o río que atravesa Göteborg soñando ver flotar os libros e os apuntamentos.

Tempo despois chegaría ás miñas mans a Obra poética Completa de Silva, en Hiperión, e o lugar reservado en min para o escritor colombiano viría a facerse aínda máis confortábel e frecuentado.

Non me chega este post para escribir todo o que quero, digamos daquela, que este preámbulo servirá de presentación para o seguinte,  no que falarei de todos e cada un dos libros e fíos aos que me levou Silva.

Mentres os procuraba nos andeis lembrei o lugar no que gardo a estilográfica de aceiro, ao meu carón mentres escrebo isto. Porque si, o mesmo que me regalara a estilográfica e o libro diminuto da irmandade roubados, restaurou as perdas, zurciunas para min, materialista empedernida, para que agora eu puidera escreber este post e o que vén.


6 Comentarios so far
Deixar un comentario

Fermoso. Ganas de desempolvar a Silva:)

Comentario por abm

Imprescindíbel desempoar a Silva ;) Velaí vai o seguinte post:

https://dorestembras.wordpress.com/2011/01/05/febres-asuncion-silva/

Comentario por dorestembras

Precioso e que mágoa ese roubo, un roubo exquisito, diría eu. E vexo os libros no río, como o cadro simbolista archifamoso daquela muller flotando nas augas.

Non teño palabras.

Comentario por maria rodriguez

Ohhhhhh!! O roubo exquisito…como me gusta maría :)

Comentario por dorestembras

Ti tamén es moi agradecida, pequena. Lémbrasme a min. Cando estiven en setembro en París, a miña primeira e agardo non última visita, o amigo co que fun, que é compañeiro de traballo do meu irmán David, díxolle: “É que gustáballe todo, parábase en todos os sitios”. Iso,no pequeno, nesas pequenas cousas deliciosas, e nas imponentes que causan ese impacto da verdadeira obra de arte, como ti ben explicas.
Bicos.

Comentario por maria rodriguez

[…] en Gonzalo Vázquez lévame a De sobremesa, de Asunción Silva. (Penso naqueles posts, na febre. Agora tamén.) Esa vocación interdisciplinar, renacentista desvela un dos piares […]

Pingback por GV. discreción elocuente « Sucos: blog de Dores Tembrás




Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s



A %d blogueros les gusta esto: