Esta fin de semana pasada tiña lugar no Kiosco Alfonso, na Coruña, o V Encontro de novos escritores. Antes congreso, agora encontro. E si, non contaba esta actividade con apoio institucional algún, exceptuando á Deputación da Coruña e a Concellería de Cultura da Coruña, que brindaron espazo e apoio económico.
A reflexión organizouse en tres mesas de traballo que xiraron arredor da poesía e o poético (Álvaro Negro, Celso Fernández Sanmartín, Oliver Laxe, con Antía Otero presentándoos ), dos premios literarios (Olalla Cociña, Lucía Novas, Ledicia Costas, con Francisco Castro de moderador), e da lingua (Olalla Tuñas, María Lado e Xosé Daniel Costas con Marta Dacosta conducindo o debate).
As mesas foron de moi distintas intensidades, pero todas desembocaron en debates productivos. Probabelmente a primeira, centrada no poético dende outras artes (fotografía, cine, oralidade) con discursos complementarios entre si, fixo da conversa posterior unha fonte de reflexións tremendamente estimulante: a procura do poético, os ollos que miran, a esencia da poesía, o sublime (Burke, Burke, Burke), o concepto de fuga, o retrato, o telegrama. Aínda é cedo para materializar conclusión algunha, asi que aquí o deixo por agora.
O motivo do post é CELEBRAR este tipo de encontros, se no Galeusca facía referencia á necesidade de que escritores de xeracións distintas tivesen un foro no que atoparse, este é outro foro, imprescindíbel para min, no que novos e novísimos escritores podemos coñecernos, entrar en contacto. Sempre as descubertas.
O remate da xornada púxoo un recital no que participamos: Susana Sánchez Aríns, Arsenio Iglesias, David Rodríguez, Gonzalo Hermo e mais eu. Os faros, a palabra.
2 Comentarios so far
Deixar un comentario
permítome o luxo de correxirche: olalla tuñas (e non yolanda)
Comentario por dafne 14/11/2010 @ 02:19:D
Luxo? Moitísimas grazas por facer que o post estea correcto. Coa rabia que me da poñer os nomes mal… :)
Comentario por dorestembras 14/11/2010 @ 07:57