Sucos: blog de Dores Tembrás


Poéticas e feminismos
11/10/2010, 21:55
Filed under: Conferencia, Literatura, pensamento, poesia, recital

Despois de ler unha definición canónica de feminismo a primeira pregunta que me devolve da palabra á realidade é: hai alguén que poda non selo? E sen embargo, e sen embargo.

O convite feito pola AELG e a Universidade de Vigo para participar no V Ciclo de mesas redondas: Escritores/as na universidade deume a oportunidade fascinante de achegarme, case de forma perversa, esquizofrénica, se prefiren, á miña obra. A distancia. O desdobramento. O tema era a relación entre o feminismo e as nosas poéticas, Estíbaliz Espinosa era a outra escritora convidada, presentábanos Anxo Angueira (Pensa nao, Pensa nao, Pensa nao).

Presentei un grafo con catro conceptos: Xenealoxía, Terra, Victoria, Encrucillada e catro referentes: G. Sand, H. Cixous, R. de Castro, S. de Beauvoir.

Oito fíos entretecidos na miña poética. E para chegar a eles a revisión dalgunhas escritoras admiradas, de teóricas fundamentais, de referentes imprecindíbeis no feminismo en Galiza: XohanaTorres, M. Xosé Queizán, Pilar García Negro, Eva Veiga, Chus Pato, Ana Romaní, Marilar Aleixandre, María Reimóndez…

Fago unha escolma dos meus textos e ispo a engranaxe poética diante das universitarias e universitarios que nos van escoitar. Pero a premura, a precipitación.

Rosalía. O referente poético primeiro, as estrofas dos cantares fosilizados na memoria. A admiración pola sofisticación da orixe. E si, eu herdeira, filla, aí, recoñecendo a débeda, o discurso feminista que ela inventou para nós,  e por riba do mundo a potencia poética de de Castro, o traballo extraordinario coa palabra, para descubrir que a vangarda/escrita entre os sucos.

Diapositivas a clareo.  O eu poético infantil, testemuña de sete instantes do mesmo movimento. O modelo primeiro, a nai  e o sacrificio, a herdanza, a reubicación imprescindíbel  da muller no mundo. O ideal feminino que desboto, sen beleza de tísica, en favor da muller que coñezo, verdade. A TERRA, transversal, fundamento do que son, tamén na escrita. E chego a Beauvoir e ás demáis, e chego á teoría por elas, polas que me preceden, as que me compoñen, as que nunca escoitaron eses nomes.

O pouso do fume. A perfección que doe no río d’abaixo, o biscoito de G. Sand (“É máis difícil facer un biscoito que escreber unha novela”) e a miña proposta de que todo sexan competencias, a imposibilidade de renunciar a un legado que se me transmitiu como integrante da tribo, da xenealoxía de esfolladoras. Renuncia = traizón. Daquela as mans fortes/que tantas bolas de ovo fixeron, daquela restaurar o lugar que lle corresponde ao matriarcado anónimo, daquela o zurcido emblema.

Hai no  recoñecimento explícito do conflicto un desexo de victoria, a necesidade de que esta sexa íntima primeiro, a definición da muller por si propia, H. Cixous, a muller que define á muller, unha Ophelia que se arreda do masculino para poder ser.

E neste mesmo recoñecimento as encrucilladas das que fala María Reimóndez, as eternas. E a través delas chegar ás propias: crear daquela un espazo exclusivo onde poder ser? Tentar acceder aos espazos de poder, dominados tradicionalmente por homes?

(E todo o que non: a entrevista a Ana Romaní, o feminismo dos oitenta, Yves Sant Laurent, a crúa realidade que recollen os artigos de Reimóndez, a conversa con Estíbaliz, o impacto brutal da lectura de El segundo sexo, tódolos nomes de Simone, o primeiro traballo da carreira, Alfonsina, Belli, Peri Rossi, Silvina e Victoria, Biagioni, Pizarnik na entrevista de SUR sobre a situación da muller, o cuarto, o maldito cuarto, solitude en hauteur,  a revista Andaina e o artigo sobre as amas de cría, o poemario, Ortega y Gasset, a anécdota que contaba a bisavoa sobre Emilia Pardo Bazán, Berger, o conxunto de ensaios feministas nos que o obvio, o libriño O traballo extradoméstico da muller galega 1900-1936, as militancias, A palabra silenciada, algúns estudos de xénero, ese poema de Eva Veiga, o cabelo ao garçon …)

Ao final confeso que o que intento apreixar na miña  escrita é, coma no cadro de Hunt, o espertar da conciencia, os instantes primeiros da muller que se recoñece a si mesma e que deixa un legado valiosísimo á testemuña que ha de escribilo, para que unha das dúas non se ortigue.

Advertisements

6 Comentarios so far
Deixar un comentario

Sen lugar a dúbidas, para min, que estiven no teu relatorio, o máis interesante foi reler ‘O pouso do fume’ á luz das túas explicacións. Os poemas, todos eles, colleron unha nova dimensión. Algunha, xa a intuía, outras apareceron despois de escoitarte. Parabéns polo traballo.

Comentario por náufrago

Grazas :)

Comentario por dorestembras

Desexos de terte escoitado, intuición no post.

Comentario por abm

Tés pase VIP cando queiras ;)

Comentario por dorestembras

Que mágoa!! Porque me tería gustado escoitar como debullas os teus poemas, un traballo sempre tan interesante. A lectura ao revés. Bicos.

Comentario por maría

Grazas maría!!! Bicos para ti tamén

Comentario por dorestembras




Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s