Sucos: blog de Dores Tembrás


Bernhard, Joyce: esforzo e recompensa
04/10/2010, 23:45
Filed under: creación, Literatura

Rematei Extinción hai uns días. Sigo a remoer nela. (Agradecida no profundo a Lois Pereiro por levarme da man ata o escritor austríaco.) Pero a conclusión que quitara tra-las  primeiras páxinas non variou ao final. É unha gran obra. Verdade.

Pero non, non vou falar exactamente de Extinción, ela vaime servir para comentar algo sobre o que levo tempo pensando: o esforzo que determinadas obras esixen ao lector.

Pensaba despois de rematala, e voltar ao Ulises, se ese esforzo é directamente proporcional co que fai o creador. Noutra dimensión. Non se trata únicamente dunha cuestión de densidade.

Volvo a Extinción, importan as dimensións da novela, pero non é só unha cuestión de lonxitude, pensemos en 500 páxinas cun único punto e a parte, ese abismo na páxina 231. Oasis. Pensemos nunha escrita onde a esaxeración é a técnica, o medio estilístico empregado polo protagonista, e voz prácticamente única da obra, co obxectivo de exterminar todo o que o antecede. É verdade, a esaxeración é un arte que T. Bernhard levou aos seus extremos máis perfectos. Asinto.

Penso en Bernhard, no esforzo titánico que tivo que ser a construcción desta novela, a súa última obra en prosa. Penso na tentación que tiven de abandonala arredor da páxina 300.  A claustrofobia, sen tregua, ese deixarme sen folgos en cada parágrafo, que forma parte inherente da experiencia que proporciona a súa lectura. Velaiquí está: é unha experiencia. Ler unha palabra tras outra, tras outra, tras outra, así, 500 páxinas, sen tomar ar. A extinción de todo o que antecede, unha extinción que o lector chega a sentir no peito, que se fai insoportabel, intolerábel. E a obra medra, magnífica, ante uns ollos fascinados no medio do esgotamento.

Tento descubrir que obras provocaron isto en min, que obras me levaron a pensar no esforzo do lector. Tamén na recompensa.

Ler a Tolstoi e Dostoievski, tamén Dickens, Proust ou Flaubert (máis diluido en Galdós, Clarín ou Balzac) ten algo de todo isto, pero en menor medida ou  distinto, porque nestes casos a historia, a trama, ten un desenvolvimento máis ou menos clásico: presentación, nó, desenlace.

En Bernhard, en Joyce, o argumento é leve, apenas unha anécdota que  non debe importar ó lector, éste non pasa a páxina agardando saber algo máis da trama, non, e menos a resolución dun conflicto que se presenta case como trivial.  Non é iso o que tira do lector. Daquela a tensión debe xerarse doutro xeito para que non deixemos a obra. Aí reside, para min, unha parte importante da mestría destes escritores. Por iso palabras como pacto, compromiso. Sinto que nestas obras xa nas primeiras páxinas o autor propón un acordo entre liñas: dareicho todo nesta obra, será duro o camiño. Resistiralo? Non me abandonarás?

Resistirei.

Hai obras que precisan ser rematadas para emitir unha opinión, pero estoutras permiten afirmar en case cada parágrafo: estou ante unha obra magnífica, e si, pode que non me agarde un final de fogos artificiais, pero é que a recompensa comezou na primeira páxina.

Advertisements

Deixar un comentario so far
Deixar un comentario



Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s