Sucos: blog de Dores Tembrás


Todo o que digas…
26/09/2010, 15:54
Filed under: creación, Literatura

pode aparecer no meu próximo libro.

Voume facer unha chapa con este lema. Últimamente, sempre foi un pouco así, pero nos últimos tempos isto acuciouse: sinto que todo, as conversas con coñecidos/descoñecidos (penso nunha viaxe recente, 9 horas cun estrano e unha conversa deliciosa), calquera situación, é susceptíbel de ser escrita.

As persoas falan comigo, ás veces confíanme anécdotas íntimas, ou simplemente contan. Eu escoito mentres penso no magnífica que é esa historia,  ou interveño colocándome na posición de coprotagonista. Traidora. Quizáis o que acabo de vivir no bar merece unha páxina, a camareira non sabe que eu podo convertila en protagonista dunha escena de desafortunado machismo herdado. E ela é tan agradábel comigo, eu escribiría esa escena e o lector podería pensar nun só movimento (que o faría sentirse infindamente superior): aínda existe xente así.

Pero as cousas sempre son máis complexas, e ese lector non sabería que achegarse ao comentario da camareira, que  é simplemente encantadora, esixiría un tratado completo. Eu, eu definitivamente non vou escribir esa escea porque ela caéme francamente ben, e non quero que centos de lectores a xulguen, por moi boa que sexa a historia e amose ata que punto o machismo. Non a vou escribir aínda que a anécdota ben me puidera servir  para abrir a vindeira charla sobre poéticas e feminismo na que participarei o mes que vén.

Así todo o tempo, case todo o tempo, quizáis se a xente soubese a que me adico serían máis cautos e eu non sentiría a traizón.  Quizáis coa chapa.

Aprendín dúas cousas terribeis dende que a escrita ocupa case a tempo total a miña vida, dende que a persecución da palabra: unha é a que veño de explicar e a outra verbalizouna Roth con mestría en Patrimonio, obra na que descrebe a enfermidade e morte de seu pai: “Por la mañana me di cuenta de que se refería a este libro, que, como corresponde a la falta de decoro propia de mi profesión, estuve escribiendo durante su enfermedad y agonía.”

Roth fala de profesión, eu prefiro chamarlle traballo (nun senso puro), pero o que quero publicar hoxe é que neste traballo o material é sempre persoal, íntimo, ou propio ou alleo, pero de alta sensibilidade.

Si, traizoamos a quen nos fala, escribimos esa escena que aconteceu unha mañá de sábado, nun cuarto, mentres me lías uns versos dese poemario inédito, ou mentres ti, tan familiar, me acollías na casa ofrecéndome un vaso de auga e falabas desa foto.

Os que escribimos escudámonos na ficción, esa palabra perversa, calquera semellanza coa realidade é pura coincidencia, falamos de narrador e eu poético, mudamos nomes, escollemos iniciais, e todo, todo, para borrar as pegadas do roubo, da traizón.

Si, se conversan comigo atéñanse ás consecuencias.

Advertisements

4 Comentarios so far
Deixar un comentario

En efecto, os escritores/as andamos todo o día así, non podemos evitar que todo se nos convirta en literatura, a pesar de que non escribiremos nin a metade do que quixeramos, ben porque non, ou ben porque entendemos que non debe ser. Pero o que dis eu compártoo ao cento por cento. Todo o que eu escribín son eu. E as conversas con outros. E os soños con outros. E o que outros falaron e soñaron de min.
Marabilloso Roth e ese libro.

Comentario por náufrago

Non esperaba menos!

Comentario por zeltia

(pero o da chapa non sobra)

Comentario por zeltia

Borróuseme todo e é tarde. Unha mágoa, porque creo que estaba ben a miña aportación. Resumindo, non se pode escribir da nada. A experiencia do autor, o autor mesmo pálpase na súa obra, dalgún xeito. E non é unha traizón. É o camiño. Non é certo que moitas grandes obras tocan temas universais, reais, que chegan a todo o mundo? Se o escritor non ten mundo, interior, e amplo de miras no exterior, esmorece como unha flor reseca pola sequía.

Comentario por maría




Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s