Sucos: blog de Dores Tembrás


Fascinio ou O segredo de Marco Polo
12/08/2010, 00:24
Filed under: Literatura, presentacion

Vai máis dunha semana da presentación na Coruña de O segredo de Marco Polo, de Francisco Castro. Foi unha tarde fermosa, cómplice, emocionante. Aínda que tarde, non me resisto a apuntar, moi brevemente, algunhas impresións deste pilar fundamental na arquitectura da obra que é o fascinio.

(Non, non vou falar de Venecia, desa presenza que trascende o espazo contextual, dese mapa detallado que anega as páxinas e nos leva da Basílica aos Palazzi, do Gran Canal á praza de San Marco. Tampouco das personaxes que habitan a obra, e que merecerían atención específica. O que presento aquí son apenas uns apuntamentos preliminares sobre o que, para min, sostén a construcción novela.)

Así o dixen na presentación, son tres os pilares fundamentais: LIBERDADE, FASCINIO E AMOR. O máis potente e sobre o que descansan os outros dous é o fascinio. Marco Polo é motor imprescindíbel del, alimentando no protagonista, Marco, soldado raso, a procura de experimentalo en carne propia.
Destaca na obra a habilidade do escritor á hora de introducir as viaxes e descubertas do comerciante de Venecia, sen agobiar a trama, facendo de nós escoitas atentos, ficando alucinados ante a extraordinaria vida de Marco Polo. O fascincio sempre conduce á liberdade, e o amor é fascinio en sí mesmo.
Así, as palabras que aluden a ese abraio multiplícanse, espalladas ao longo da novela, e non podemos máis que ficar rendidos á marabilla.

Ler O segredo de Marco Polo foi para min ler a Francisco Castro, esa voz que percorre a súa narrativa: próxima, cómplice, aguda, cargada de retranca e tamén de poesía. Desafiando continuamente ao lector.
Foi contaxiarme de fascinio, desfrutando en cada páxina da escrupulosa labor de documentación que enriquece a novela sen saturala.
Foi ilusionarme a través das personaxes coa posibilidade de mudar o mundo, a orde establecida, o destino.
Foi apreciar, novamente, a mestría na dosificación da tensión dramática que te precipita á páxina seguinte, ao capítulo seguinte.
É esta unha novela con OFICIO, palabras como arquitectura ou construcción repítense nunha análise máis extensa dela. (Penso por exemplo no riso, en como se pode construir a través del un esquema preciso da relación que o protagonista mantén co resto das personaxes.)
Esta é a decimosexta obra do autor, e non vou falar de tódolos premios e galardóns da súa dilatada e exitosa carreira, confórmome con pensar en tódolos adolescentes que ficarán inoculados de fascinio, como me aconteceu a min, despois de ler estas páxinas.

Advertisements

1 comentario so far
Deixar un comentario

Son as cinco e vinte da mañá. Coido que dos varios miles de millóns de seres humanos que hai no mundo, dende Venecia ata a China, poucos terán asistido a un espertar máis dóce ca min lendo estas verbas xenerosas.

Comentario por náufrago




Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s