Sucos: blog de Dores Tembrás


Carlos Negro, Thomas Bernhard e a miña covardía
26/07/2010, 22:43
Filed under: grafo, Literatura

Anuncio: non sei como vou escreber todo o que ven a seguir. Vai ser caótico, iso seguro. E ademáis inclúe unha confesión. Están a tempo de deixar de ler.

Lín hai días Cultivos Transxénicos de Carlos Negro. Rendida a ese funeral do agro, á autopsia máis precisa e efectiva, por desafectada, que se poda concebir. BRUTAL. Carlos Negro, para min o autor de Héleris e co-autor de Abro a xanela e respiro o aire fresco da fin do mundo. Agora con estes cultivos que me esfarelaban as mans, o libro queimando as xemas na noite, a porca terra, que me levaba de novo a Berger. Berger.

Dixeno na casa, anuncieno a modo de esquela: acabo de ler a sentencia de morte da terra, esa que no pouso. Gustaríame ser máis precisa, atopar a palabra que se me nega, intúo que ten que ver cos tempos verbais, non é unha sentencia de morte exactamente, é máis ca iso, unha das palabras que se me ocorre é responso, pero claro, están as connotacións relixiosas que non se axustan, e agora que a escrebo síntoa lonxe do que quero dicir. É unha acta: aquí reunidos, o autor, a terra, e ti lector imos dar comezo á relación de feitos, estertores dun tempo que se esvae, que fenece, ou feneceu xa?

Si, claro, vénme á mente aquel post no que citaba uns versos extraordinarios de Xavier Seoane morreron os arados pero quedan os sucos. E volvo a sentir o mesmo que daquela e eu atrás, entre os sucos, apañando nas patacas, fechando o funeral.

Bernhard e a súa Extinción. MAGNÍFICO. Demoledor. Chego a el da man de Lois Pereiro, e aquela entrevista ecoando aínda. 500 páxinas sen un só punto e a parte, e vou nas cen primeiras. Esta obra é unha crítica feroz á familia, pero que se fai a través de Wolfsegg, unha sorte de pazo-explotación agraria que o protagonista critica, non sen certo fundamento, e que me fire en cada páxina.

Esta é a situación:

Por unha banda o poemario de Negro que me fai sentir traidora, covarde, eu que escribín o pouso, a terra, a modo de cuadrícula con cheiro a marmelo e fume. Porque eu tamén abandonei esa terra (podería ter escrito o poemario sen tela medio deixado? E acto seguido a eterna discusión: vivir/escribir??). Eu case non munxín as vacas, eu apenas a desnatadora. Nena da terra a tempo parcial, e sen embargo só aí me recoñezo, só aí son. Pero agora na urbe. O índice acusador sobre min.

Por outra banda Bernhard que me enfronta á terra a través do refinamento da sociedade e o progreso, opoñendo a adicación ao agro coa sofisticación do pensamento: Goethe/monte  bibliotecas/explotación agraria. E preséntaos imcopatíbeis na hipérbole máis extraordinaria e brillante que se poida imaxinar.

Síntome aí, entre medias, lendo a Goethe ou o VOGUE, aprendendo a podar, padecendo as sequías ou as pestes e lendo o Ulises.

Eu, semente híbrida, uva sen pebidas, cultivo transxénico. E non sei se esta consciencia me desculpa de algo ou fai a esgazadura máis fonda.

Unha palabra asaltoume hai pouco: “rururbanos” e antes de saber o que significa, penso se eu…

Sen dereito a depositar as esperanzas no primoxénito, porque Os camiños da vida xa non, e aínda así o tacto do ovo morno nas mans diminutas. E un trobón de versos, de liñas acusadoras, perforando a cabeza, o esterno.

Daquela permítanme a esperanza última: e o asfalto nevado de noces/a urbe colpasada de silvas/ coma n‘A Araucana, clorofila vencedor.

Advertisements

5 Comentarios so far
Deixar un comentario

“DEJALO TODO Y SIGUEME….

Comentario por MANUEL SUAREZ

Non me tentes…

Comentario por dorestembras

Magnífico post, Dores

Comentario por abm

Ollos inxectados de terra… e tamén debaixo das unllas.
apertas.

Comentario por Alberto Ferreiro

Penoso o abandono; a esperanza depositada nas ruinas romáticas do retorno.
Pero o tráxico é a destrucción da paisaxe que sustenta a nosa memoria, a nosa identidade; transformación? deixaremos de ser para ser que?

Comentario por Xacobe Meléndrez




Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s