Sucos: blog de Dores Tembrás


Ridículo
03/07/2010, 22:51
Filed under: misc, Palabra

Levo uns días pensando nisto. O meu pequeno de dous anos está nun momento de fascinio coa pintura. Mamá queo pintar, collo un papel, si? Colores, vale?. Acuaguelas, pinturas, si mamá, si? E pinta e pinta, e fai caracois e vermes sobre todo.

Hai algo máis dunha semana na Tate Britain, el no seu carro, papel e cores en man, garabateando, feliz, alí no medio da colección de Turner.

Hai arredor dun mes que asistín ao III Encontro de pintores e poetas que se celebra en Culleredo anualmente. O reto era que os poetas pintasemos algo. Paralizada. Por que? Polo medo ao ridículo? Como pintar entre pintores?

A experiencia foi boísima porque me fixo preguntarme: en que momento perdemos a naturalidade para enfrontarnos a un papel e pintar? En que momento decidimos que o que pintamos non serve? En que momento somos conscientes do ridículo?

E alí, na Tate Britain, o cativo, serio, formal ponse a cantar ondiñas veñen… e sinto que el aínda non, que o ridiculo (rideo, risum, ridículo: aquilo do que se ri) aínda non.

Daquela agora volvo ás acuaguelas por el, e penso nos anos que fará que non pinto con elas, 23? 24? E  volvo porque el me pide, mamá unha casa, faille a portaaaaaaaaaaaaaaaa, e agora un can (señor e como pinto eu un can, se non sei!!!) Pero da igual porque el ve un can onde só hai un mamarracho, velaí o ridiculo de quen xulga, na palabra: mamarracho. El non concibe que a súa nai non saiba pintar. El espera de min a naturalidade coa que el enche papeis (fascinada no momento en que da o debuxo por rematado e comeza outro, como decidirá iso?)

E mamá pinta, volve pintar, porque el non a fai sentir ridícula.

Advertisements

4 Comentarios so far
Deixar un comentario

Moi ben! :) menos mal que están os nenos… antes de que lles cortemos a naturalidade -precisamos non tela (din) para convivir- mais qué ridículos chegamos a ser moitas veces para non facer o ridículo!!!

Comentario por zeltia

Cando eramos nenos, a profe dicía, veña, a cantar, e cantabamos. Ninguén sabía que desafinaba. E outro día a profe dicía, veña, a pintar. E pintabamos. E ninguén sabía que pintaba mal. E así con todo. Conclusión: hai un momento no que nos enganan meténdonos a presión dentro do inconsciente a idea de que hai un xeito bo de facer as cousas, un canon, unha lóxica, un criterio. A partir de aí estamos perdidos.
Daquela, pintemos, pintemos, pintemos, só polo pracer de pintar. Porque os nenos son quen de crear beleza só concentrándose no pracer de crear.

Comentario por náufrago

Vale, mamá? Si?

Comentario por abm

Ademais as “acuaguelas” non manchan cando se pinta con tanto amor de por medio…
É bonito o momento no que todo deixa de ser ridículo.
gttp://www.vaidetangos.blogspot.com , unha nova xanela en galego. Convídote a botarlle unha ollada.
Saúdos.

Comentario por apoetaoculta




Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s