Sucos: blog de Dores Tembrás


todo o que non pasaba
08/06/2010, 22:22
Filed under: poesia, Pouso

E premo no play sen saber ben, e aparece a voz, que sabe, porque leu, que sabe, porque ela tamén na fiestra, noutra claro, pero mirando entre as contras. Non todo o mundo mira por entre as contras. Pero ela sí.

Ela lida e relida dende hai tanto. E cando lle digo que son fan deixa rir á nena, porque son fan. Xa sabes.

Isto de estar tan conectados co mundo é así, medio estrano. Fai que mentres leo uns poemas seus, a vexa co seu punto verde no facebook, que raro pode ser todo. E anoto palabras sobre as imaxes, sobre os seus poemas, sobre a poética.

E doulle a play, again, para celebrar o encontro. Diso falo no meu caderno:

“Ás veces acontece iso, que todo o que escrebe un autor, chega, funciona, fascina.

Non se trata de expectativas, é algo máis fondo, é un recoñecerse, ten algo do ENCONTRO do que fala Deleuze, que se da coa obra de arte.

A pesar da distancia, das distancias, escoito, leo a Lucía, e aí POESÍA. Unha honestidade feroz coa palabra.

Unha serie de fíos que me falan do que non son, ou si, do que perdín, ou ao que non chegarei.

Lucía Aldao conta, conta e volve sobre sí para seguir contando.

E hai unha poética que se fortifica en cada texto.

POETA.”

E daquela, ela, que non sabe, envía este agasallo, un poema para unha voz e a canción deliciosa.

Son eu agora, a que ri coma unha nena. Feliz. Obrigada.

Advertisements


Memoria
06/06/2010, 09:41
Filed under: misc

Tiña escrito un post sobre a memoria (que  é medio así, traidora): o sillín dunha motocicleta vella, unha caixa de Flanín. Pero ao final todo eran tópicos, o paso do tempo, bla bla bla.

Borreino.

E é que o resultado destas olladas ao pasado sempre é o mesmo: unha remata tendo cinco anos e mirando oblicuo aos obxectos.



Fotos café literario
01/06/2010, 10:09
Filed under: Evento, Literatura

Foi un pracer compartir esas dúas horas falando de vidas e obras, de datos biográficos rastreados en novelas, de autores fascinantes, de ficción e realidade. Grazas a todos. Repetimos pronto?