Sucos: blog de Dores Tembrás


Nevarada e champagne en Regent’s Park
22/06/2010, 23:21
Filed under: viaxe

(Aquí irán dúas fotos da nevarada que colocarei en canto poda, si?)

Sol. Ceo impecábel. O bus 31 que nos deixa tan perto do parque. No camiño todos eses looks tan tan tan. Calor de verán, o primeiro deste ano. E eu sen saia, sen sandalias. Pero levamos o xantar (vivan os pic-nic!)  cunha mantiña de tartán escocés (non falta detalle) incluso os sandwiches made in england. De pouco serve dicir o marabilloso que é ter un parque tan extraordinario perto da casa se aló non. E penso en hai un ano, na lagoa, nas tumbonas, nas cereixas. E non é un deja vu, é.

Pero desta vez distinto porque despois de extasiar o olfato e a vista no Queen Mary’s Gardens, con un número improbábel de rosas, alí, rebentando de cor. Determe nalgúns dos carteliños que indican nomes suxestivos, pero que non lle fan xustiza, que non poden expresar o que alí estou a ver: Pink Posy, Polar Star, Ingrid Bergman, Ice Cream, Nostalgia, Deep Secret, Sweet Memories…Despois de sentar nese banco, nese, nun dos lados do redondel, xusto nese, que ten algo de musgo cor mustard, ese que leva a lenda Ivy North loved this seat, ese no que facemos o cadavre máis exquisito, na túa voz cantarina. Alí, onde as lavandas perfuman o teu paso diminuto.

Xusto despois chegamos á lagoa e o máis inesperado, unha nevarada a caer, impredecíbel, porque estamos en xuño, non si? Pero poderían ser folerpas, son folerpas, dese plumón que soltan os salgueiros. Impresionante. E, coma se en suecia, algúns préndense nas pestanas, e tés que apartalos coa man.

Pero o que parecía máis inesperado non o é, porque despois deste english xantar, túmbome, baixo a árbore, e cal é a sorpresa cando ao mirar para arriba descubro o cú groso de vidro dunha botella de champagne colocada entre dúas pónlas da árbore. E miro ben, sen dicir nada aínda, míroa e penso (quen a colocou aí como sinal irrefutábel, sería unha velada íntima, ou unha pandilla para celebrar un acontecimento feliz, ou unha parella de anciáns que cada xuño sentan baixo a árbore e volven namorar e deixan a botella alí, ata o vindeiro ano, ou, ou, ou)

Non sei se podo falar dun xoven sacado dun anuncio de Ralph Lauren, que non Tommy Hilfiger, que pasa por diante, coa súa bolsa Louis Vuitton, que colle unha tumbona (de madeira con listas brancas e verdes) para tomar o sol, ou ese grupo de rapazas loirísimas, alemanas, que tamén xantan perto do palco da música mentres rin a cachón, ou dese home xa maior, morenísimo, que lanza codias ás ocas para afastalas do onde está, ou desa parella recén estreada que si que non, que andan a… E segue a nevarada, que non nos deixa mentres seguimos alí, tamén, en Regent’s park.

Advertisements

1 comentario so far
Deixar un comentario

Hai árbores que beben champagne, así de sinxelo. Lewis Carroll dixo o que dixo porque sabía ben que nos parques ingleses a realidade e a fantasía son quen de se mesturar con (i)lóxica naturalidade. E así pode haber folerpas en xuño, coma plumas de artificio, ou botellas de champagne suspendidas entre pólas etilicamente suxestivas. Fermoso post, Dores.

Comentario por náufrago




Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s