Filed under: Literatura
O día de hoxe lémbrame unha desas débedas que arrastro dende hai anos. Naquel inverno comecei a lectura do Ulises entusiasmada, pero apenas atravesei as primeiras dúascentas páxinas. Algo máis tarde iniciaría de novo a tarefa, pero compartindo a lectura cun amigo, líamos cada capítulo e despois comentabamos as nosas impresións. Lembro aqueles mails con verdadeira nostalxia, que tamén se viron interrompidos pola vida.
Máis tarde Pizarnik, os comentarios que facía de Joyce nos diarios, o poema adicado. Aquela devoción, que eu entendía ben sen chegar nunca a rematar a novela.
Despois aquela obra de teatro, magnífica, desoladora. E ese marcapáxinas que me trouxeron hai pouco, cun retrato que insinúa a capacidade de introspección do xenio.
E así tantas veces Joyce, e sobre todo Ulises.
Non quero adialo máis. Hoxe, 16 de xuño, vólvome facer o propósito de non deixar pasar outro ano sen rematar a novela.
2 Comentarios so far
Deixar un comentario
Eu teño varios recordos do Ulises: o primeiro e máis entrañable, a lectura do meu pai. O segundo, a confesión da profesora de Inglés durante a carreira de non telo lido (escandalizoume que non fora así, pois comparábao coa lectura do Quijote para alguén de hispánicas). Lembro tamén unha obra teatral:). Tamén penso na senda marcada en Dublín para seguir os pasos de Bloom. Un libro na mesilla, o protagonista quere celebrar o Bloomsday como funeral á era da imprenta. E a miña imposibilidade actual de encaralo. O tempo faime entender a aquela profesora de Inglés.
Comentario por abm 16/06/2010 @ 22:53[…] nos usos máis precisos, ese fluir irrepetíbel que me acompañou nas noites, nas tardes. Cumprir o desexo. Pero non era chegar, ou si? Era quedarme prendida nalgunha destas páxinas, e repetila e repetila […]
Pingback por Bloomsday. Un ano despois « Sucos: blog de Dores Tembrás 16/06/2011 @ 22:24