Sucos: blog de Dores Tembrás


Escritores, poetas, poetisas
13/05/2010, 00:29
Filed under: Lingua

Advirto: non pretende ser este un post incendiario.

Dende que comecei o blog tiña no pensamento escreber un artigo sobre isto. A pesar de ser un tema tratadísimo (hai moitos artigos e traballos que se ocupan da discusión poeta/poetisa.), controvertido, e do que algúns temos unha opinión máis ou menos formada (e digo algúns porque moitos nin se plantexan a escolla).

Pero eu quería darlle outra volta, unha viraxe persoal apenas.

En moitas presentacións de actos, pero tamén en artigos e notas de prensa, nos que se alude a escritores e escritoras faise a distinción entre novelistas-narradores e poetas. Daquela falan do escritor tal (narrador), da escritora tal (novelista) e do poeta tal (poeta).

E isto non é algo extraordinario, senón que vén sendo habitual. Conclúo que é un feito asimilar novelista con escritor, semella que isto está realmente asumido, mentres que os poetas, como dicilo, os poetas non son escritores, son poetas.

Para seguir, e coma se o xénero común non existise, están todos os que seguen a escola que se decanta polo poetisa en lugar de poeta para a muller que escrebe poesía.

E si, despois de ler e analizar autoridades e razóns (e moito antes de publicar un poemario) eu son partidaria de poeta, muller poeta, poeta. Deixo aquí un artigo publicado en Espéculo, que lin hai tempo e que recolle algunhas das razóns para tal escolla. Non quero determe niso. Isto é unha declaración de intencións.

Ser escritora e poeta, por moi inverosímil que lle pareza a algúns, é posíbel.

(Un pouco incendiario si que quedou, non?…)

Advertisements

9 Comentarios so far
Deixar un comentario

Non quedou incendiario. Quedou xusto, escritora.

Comentario por náufrago

Concordo con náufrago, poeta.

Comentario por bertadavila

Grazas aos dous, escritor e poeta, escritora e poeta!

Comentario por dorestembras

Nunca me gustó la palabra poetisa… aunque debo admitir que alguna vez se me escapa…. Creo que poeta es una palabra que engloba mucho más que escritor o narrador…. Un escritor es cualquiera que escribe, un poeta, en cambio, es alguien comprometido con el universo, alguien intentando acercarse a esa belleza y perfección que tiene la Creación.

Comentario por marcelo

Querida Dores.
Interesante, e para nada incendiarias, observacións. Aquí vai a opinión que me pedías como lingüista ;-)
Antes de nada, dígoche que estou totalmente de acordo co moitas cousas doartigo que enlazas. Se o dicionario dunha lingua é un espello do que pasa nesa lingua (hipótese que comparto) é curioso observar como se recollen estas palabras nel.
Vaia por diante que eu discrepo enormemente de todo ese mundo de dobletes de “Queridos compañeiros e compañeiras”. Penso que unha lingua está chea de convencionalismos e se o xénero non marcado é o masculino, non quero perder o tempo con estudios nos que nos remontemos a explicar por que o masculino é o xéneno non marcado. Agora ben, o caso de POETA e POETISA é algo ben diferente.
Coñecía o seu tratamento no último dicionario da RAE e, se che digo a verdade, non me extrana nada que aínda nesta última edición os cambios sexan mínimos e se limiten a dar conta de dúas entradas diferentes: (i) poeta (‘persoa’ -para enmascarar ese ‘home’ que aparecía na anterior edición) e (ii) poetisa (‘muller’). De feito, neste século XXI aínda encontramos no dicionario a MÉDICA como muller do médico a ALCALDESA como muller do alcalde. Indignante. Pero… Que imprica poñer dúas entradas nun diccionario e non poñer unha sóa (poeta -masc-, poetisa -fem)? Pois recoñecer que hai dúas realidades diferentes, dous sentidos: o de POETA e o de POETISA. E que hai detrás aínda que nas definicións (recordemos son as mesmas dende que se fixo o cambio de “home” por “persoa”) non se de conta delo? Que eses sentidos son diferentes ou, cando menos, percibidos como diferentes polos académicos e por un gran número de falantes da lingua. Eu, como falante da lingua, penso que POETISA está connotado negativamente, como se a obra poética dun POETA fose diferente (en temática, calidade, recursos, etc.) en relación coa da POETISA. É o mesmo que acontece con termos como NOVELA FEMININA, LITERATURA FEMININA. Que pasa? Que o sexo do escritor inflúe no que escribe?
Voltando ó dicionario e á lingua, podemos aceptar que o feminino de POETA é POETISA, tal e como recollen outros dicionarios facéndose eco da existencia documentada do termo POETISA nos textos dende o latín. Agora ben, é adecuado facelo sabendo que existen connotacións na voz POETISA? Sabendo que na súa orixe existían dous termos (POETA e POETISA) para dar conta de dúas realidades diferentes?

A miña opinión como muller e como falante é que non, que coa forma POETA poderiase dar conta dos homes e mulleres que escreben poesía. E, de ser preciso incluír a voz POETISA no dicionario (algo do que prescindiría) daría conta da acepción en desuso que ven dende o latín. De feito, é o que como falante fago, xa que nunca emprego a forma POETISA.

Agora ben, a miña opinión como lingüista é máis confusa e podo chegar a xustificar as dúas opcións.
(1)
POETA (masc.) e POETISA (fem.)
Partindo da base de que en tódalas linguas hai máis sentidos que formas para expresar eses sentidos, o significado das palabras evoluciona co paso do tempo e, por exemplo, algo que inicialmente era un RATO (‘animal’) acaba sendo un RATO (‘aparello informático’). Do mesmo xeito, dende un punto de vista estritamente lingüístico, cando se establece o feminino de POETA como POETISA, déixanse atrás todas esas connotacións negativas das que falaba antes e a decisión pasa a ser puramente lingüística (concretamente, morfolóxica).

(2) POETA (masc. e fem.)
O diccionario manifesta o sentir dos falantes dunha lingua, algo que non é dudoso, xa que constantemente se están introducindo neoloxismos que dan conta das novas realidades de denominacións para esas realidades que empregamos como falantes. Por tanto, partindo de que o diccionario (e por extensión a lingua) ten que representar o sentir dos falantes, non ten sentido describir unha forma en desuso (refírome a POETISA co sentido de ‘poeta muller que escribe poesía dun xeito diferente’) ou inclusive introducir un feminino (POETISA como forma feminina correspondente a POETA) en desuso.
Como ves, calquera das opcións é perfetamente “asumible” e xustificable, outra cousa diferente é o que che dicía antes, as percepcións como falantes, e como POETAS mulleres ;-)
Para acabar, menuda parrafada! Penso que a dicotomía NARRADOR (para o home) e NOVELISTA (para a muller) non hai por donde pillala, nin como muller nin como lingüista nin como nada. Non a coñecía, pero pensó que o emprego interesado do xenérico NARRADOR para facer referencia ó ‘home novelista’ non ten xustificación ninguna.
En fin… que me encantas estes temas. Aínda recordo as charlas monotemáticas que fai anos faciamos sobre o arte, o libro electrónico,… Nostalxia xana.

Bicos para todos,
Vane

Comentario por Vane

Brillante disertación!! Un pracer lerte, vane. Non deixes de pasarte por aquí!!

Comentario por dorestembras

Non é nada incendiario, nadiña. Con todo, eu quero pensar que dicirlle a unha poeta son palabras maiores, é, case, unha actitude vital, no sentido máis elevado do termo.
Eu tamén son poeta, como Rosalía que dicía da palabra “poetisa” que mesmo lle fixera dano.

Comentario por Acuática

Concordo con Acuática en que o termo poeta (denomine a un home ou a unha muller) non se refire con exclusividade ao feito de escreber versos, é unha actitude vital, unha reacción atroz ante a beleza, unha necesidade da palabra, un xeito de ofrenda…

Comentario por dorestembras

eu, se tenho que apresentar-me, sempre escolho a palavra poeta.
poetisa, como o colacao, NOM mexxxxxenxxxx!!!

Comentario por dedoscomovermes




Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s