Sucos: blog de Dores Tembrás


Silencio no vagón 3
27/04/2010, 23:01
Filed under: misc

Os trens. Algúns saben que son devota deste medio de locomoción.  Si, algo ten que ver o Murder on the Orient Express de A. Christie, El gallo de hierro de Theroux (que recomendo encarecidamente aos que teñan interese na literatura de viaxes, e en especial por China) e o último anuncio de Chanel nº 5.

(Si, tamén as ducias de triángulos diminutos que quedan no chan do corredor tra-lo paso da revisora, que sempre me saúda amábel, mentres lle extendo o billete.)

Pero o certo é que o tren,  dende aquela primeira viaxe que fixera na escola, para ir ata Ferrol ou así, deixoume fascinada. Ir sentada e mirar pola fiestra: as casas, as hortas, os ríos, as piscinas con auga verde, os hoteis, as zonas industriais, as canteiras, as obras, os tuneis, as ovellas, os campos segados, os tractores en silencio, a muller de negro que vai para o médico, tan cedo, entre a xeada.

E despois, dependendo da hora á que o tomas (esta expresión é deliciosa: tomar o tren) a paisaxe sempre distinta. Últimamente teño a sorte de coller o tren a miudo. Segue a ser todo un acontecimento, conserva tódolos ecos daquela excursión primeira, incluida certa excitación ao chegar á estación (outro día falarei das estacións), buscar o vagón, o asento. E aquí, claro, tódalas manías, coma se dun rito se tratase. Sempre ventanilla, no sentido da marcha, sen acompañante. E si, no tren non leo, nin miro revistas, nin aproveito para traballar. No tren vou.

E nas últimas ocasións esta experiencia viuse terribelmente modificada.  Porque no vagón un grupo de excursionistas excitadísimas falaban en alto (é un xeito de dicir que berraban) e amargáronme a viaxe prácticamente ata Vigo. Algunha xente miraba para elas incómoda, outros lían a prensa e murmuran de cando en vez. Chegou un momento no que fixen un comentario en voz alta. Nada, coma se non o fixera. Noutra ocasión un home vendo un filme no portátil sen cascos.

Necesidade de que se acondicionen vagóns nos que o silencio sexa a condición para o acceso. É certo, non todo o mundo quere ir no tren, outros len, traballan, clarifican a mente, pensan poemas ou a lista da compra, pero todos desexamos  silencio. E para os grupos ou as persoas ás que non lles importe o ruido sempre quedarán o resto de vagóns.

Levo unhas semanas con esta idea do vagón silencioso. E hai uns días un amigo comentoume que nalgúns países xa existe. Lóxico. LÓXICO.

Estou pensando nas medidas de promoción da idea aquí, quizáis autocolantes, un bon slogan:  Silencio?  No vagón 3O silencio agárdate no vagón 3 ou Vén, hai silencio para ti. No vagón 3.  E a miña mente xa se deleita imaxinando as persoas que iríamos nel….

Advertisements

Deixar un comentario so far
Deixar un comentario



Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s