Sucos: blog de Dores Tembrás


os dous extremos do cordel
14/02/2010, 17:30
Filed under: Literatura

Hai uns días lín un magnífico artigo de Francisco Castro, algo antigo, no nº 173 do Grial: A pesar de todo. Sobre a promoción da lectura e a presenza do libro no espazo público. Como non está dispoñíbel na rede, e para que este post teña algo de sentido, permítome facer un pequeno bosquexo. Fran reflexiona, cunha retranca finísima, sobre a lectura e os xeitos de promovela. Analiza o que el denomina sete clásicos: Sesións de contacontos (distinguindo entre nenos de dous tipos: tipo 1, “nenos que xa son lectores con pais e nais que se preocupan” por isto. E os nenos tipo 2 con “pais e nais aos que a lectura lles importa máis ben pouco ou nada”) , Autores asinando libros, Presentacións de libros, Campaña institucional, Medios de comunicación, O sistema educativoAs librerías.

Entre os  aspectos que trata, interesoume sobre todo o “escaso” efecto das actividades en canto a atraer a un público que non estea previamente interesado, tendo como consecuencia unha porcentaxe de público novo “captado” mínima. Non podo concordar máis.

O artigo levoume a pensar en a quen lle debía eu a afección á lectura e, extrapolando, quenes eran os máximos responsábeis directos á hora de influir en que foramos nenos-adultos-anciáns lectores.

Onte, falando de poesía cunha libreira encantadora, coméntabame que ela non fora lectora de poesía ata que en COU, a súa profesora de literatura galega (nas súas palabras: magnífica, boísima) lle EXPLICARA a poesía: falando de vangardas, esmiuzando De catro a catro, e sobre todo ensinando a ler, quitándolle o medo.  Recoñecínme de inmediato.

A miña achega á poesía foi temperá, e veu da man de meus pais, que coido son os que teñen a maior responsabilidade na promoción da lectura, amosándonos ese camiño como desfrute dende ben cativos. Pero recoñezo o papel fundamental dalgunhas profesoras, todas mulleres, no que se iría convertindo nunha paixón, case nunha forma de vida. Dende as primeiras lecturas a todo o que viría detrás: o saco sen fondo da literatura universal. Cada unha desas mulleres, extraordinarias, xa fose na EXB, no instituto, na facultade, infectáronme o amor pola literatura, pola lectura. Elas construíndome esculcadora da palabra, así, coma quen non quere, seductoras, transmisoras lúcidas, suxerindo (reivindico o poder da suxerencia), deixando caer as chaves da porta dos mil cerrollos. Mestras, a súa man trascendendo o estricto programa do curso.

Escaso éxito terá calquera medida de promoción da lectura sen o papel previo e activo da familia e do colectivo docente. Coido que nestes dous pilares reside a única posibilidade de supervivencia da lectura, deles depende a adquisición dun hábito que, transmitido con paixón, inevitábelmente, se convertirá no mellor legado.

Advertisements

2 Comentarios so far
Deixar un comentario

Primeiro de todo, Dores, quixera deixar constancia aquí do meu agradecemento por acoller as miñas palabras. E, dende logo e en segundo lugar, só podo concordar. Eu son lector porque na miña casa había libros e, sobre todo, porque meu pai sempre foi un grande amante da lectura e soubo fomentar iso en min. Despois, os profesores, un moi en especial, nos últimos anos da EXB. E en 2º de BUP, cando estaba feito un completo camándula (ou como se escriba isto), namorado perdido dunha rapaza que non me facía nin caso -pásmense, sei que soa incrible- outro profesor puxo nas miñas mans poemas de amor, e a García Márquez. O resto veu só.

Comentario por náufrago

Escribo dende o recuncho dos libros da casa dos meus pais, a carón da silla de vimbio onde o meu pai lía e lía. Supoño que a miña afección pola lectura debeuse á naturalidade coa que vivín a lectura; non fixo falta que os meus pais me falaran dos libros, só meu bastou con velos ler, estar rodeada de libros, o libro foi un obxecto máis na miña infancia. E con moito, moito cariño, moitísimo, lembro os veráns nos que antes de ir á piscina, o meu irmán e máis eu parabamos co meu pai na antiga biblioteca infantil do Xardín de San Carlos (3A que nos levaba ata alí). Os profesores? Ben, non teño recordos específicos deles en relación coa lectura; si lembro esas clases de literatura española (esconxuro da Celestina, Nanas de la cebolla, El niño yuntero) en 2º de BUP que me abriron o camiño cara a filoloxía. Como profesora, estou dacordo cos libros-chave, case máis coas palabras-chave: textos lidos en voz alta, transmisión da emoción persoal, silencios que se apalpan.

Comentario por abm




Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s