Sucos: blog de Dores Tembrás


Rayuela infinda. Lois Pereiro I
02/02/2010, 15:00
Filed under: artigo, Literatura, misc

Advirto que este post será caótico. Advirto que mentres tecleo non sei nin como contar o que quero contar.

Comezo polo principio, por Lois Pereiro.

(Pero, para ser honesta, isto que hoxe escribo tamén está relacionado cun artigo que lin sobre o estado da cultura galega (como non lembro nin o nome do escritor nin o xornal, teño que consultar o blog do editor Manuel Bragado, Brétemas, porque era alí onde recomendaban o ditoso artigo. Pero non, non está aí, debeu ser unha entrada do editor no facebook; tampouco. Pois como para lembrar quen recomendaba ese artigo hai 2? 3 días? Nun blog, no facebook? É o mesmo, sigo porque senón non vou contar nunca o que pretendía. Máis tarde probarei no blog Cabaret Voltaire, ao mellor era aí…) O que pasa é que nese artigo o autor falaba de autocompracencia e mediocridade, de falta de universalidade da cultura galega, da necesidade de  internacionalizarse, etc. Pareceume unha opinión calquera, sen argumentacións, falar por falar. Botar a lingua a pacer.

Pero o conto é que me molestou.)

Continúo.

Levo unhas semanas con Poesía última de amor e enfermidade a voltas. Lois Pereiro, ese poeta de culto dos oitenta. Magnífico, devastador. E ando algo ensimesmada (nótese que emprego o termo con toda a aleivosía) lendo e relendo, e pasa que quixen interesarme polas referencias que fai o poeta monfortino á literatura universal neste poemario. Unha rayuela infinda na que ando extraviada dende hai días. E como exemplo un par de botóns:

Nerval. Lois Pereiro cita a Nerval. Isto lévame a recuperar algúns poemas, e reviso a súa biografía, e descubro a súa pertenza ao clube dos Hachisianos, e detéñome na súa vida de excesos e namoramentos, e penso na Aurelia, e leo completo o soneto O desdichado, que cita Pereiro. Ademáis consulto unha ponencia sobre a influencia de Nerval na poesía de Lois Pereiro, que, por moi extraordinario que lle pareza ó autor do artigo, está incluida nunhas actas da Universidade de Santiago de Compostela (aforro calificativos para esta institución de recoñecido valor intelectual e universal).

Bernhard. Outro botón. Pereiro cita en dúas ocasións ao escritor austriaco Thomas Bernhard. E eu, confeso, non lin nada de Bernhard. Asi que é Pereiro o que me leva da man ata el, citando uns versos conmovedores. E volta a comezar. Busco información do escritor, e vexo fotos, e a escasísima entrada da wikipedia que aínda me da ganas de saber máis. E daquela, coma un oasis aparece unha entrevista brutal, magnífica que lle fan ao escritor en 1987, dous anos antes de morrrer. A entrevista, xa o dixen, non só é interesantísima, senón que lela é un verdadeiro pracer. Dous libros encargados, poesía e novela, que chegarán para a semana.

Podería seguir, porque a Poesía última contén máis de 25 referencias a poetas, escritores, un compositor de música, un director de cine, mesmo un físico, todos eles figuras indiscutíbeis da cultura universal. Unha Rayuela infinda da que non quero saír, que non deixa de facerme saltar (neste estado de éxtase, anuncio Rayuela dentro da Rayuela, porque Pereiro está sendo un verdadeiro catalizador).

E é unha mágoa, porque escribo todo isto para xustificarme, para demostrarlle ao autor  do artigo (lembro que o apelido era galego, pero escribía en español…) que nin sequera vai ler isto, que está completamente errado, e que faga o favor de documentarse algo, de ler. Comprobará que a literatura galega é un caleidoscopio riquísimo. Unha casiña da rayuela con tantas posibilidades como as demáis. Nin máis. Nin menos.

Advertisements

6 Comentarios so far
Deixar un comentario

A poesía de Lois Pereiro vai permanecer. Os que din parvadas sobre a nosa cultura serán esquecidos. Como merecen.

Comentario por náufrago

E por certo: esas parvadas que algúns van escribindo polos xornais son froito dun complexo de “señoritismo” que-tira-pa-trás.

Comentario por náufrago

Grazas por este post:)

Comentario por abm

[…] e penso nos posts de febreiro (Lois Pereiro I, Lois Pereiro II), naquelas semanas léndoo, estudándoo, rendida. […]

Pingback por Lois Pereiro III « Sucos: blog de Dores Tembrás

[…] Rematei Extinción hai uns días. Sigo a remoer nela. (Agradecida no profundo a Lois Pereiro por levarme da man ata o escritor austríaco.) Pero a conclusión que quitara tra-las  primeiras páxinas non variou […]

Pingback por Bernhard, Joyce: esforzo e recompensa « Sucos: blog de Dores Tembrás

[…] e penso nos posts de febreiro (Lois Pereiro I, Lois Pereiro II), naquelas semanas léndoo, estudándoo, rendida. […]

Pingback por ‘Lois Pereiro III’, por Dores Tembrás | Lois Pereiro




Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s