Sucos: blog de Dores Tembrás


Abro a xanela …
11/12/2009, 00:19
Filed under: poesia, presentacion

Abro a xanela e respiro o aire fresco da fin do mundo. Este é o título do libro de Álvaro Negro que se presentou onte no MACUF. Unha pequena xoia de imaxes e palabras. Os textos  de Celso Fernández Sanmartín (a quen nunca lle agradecerei suficiente a súa obra, os seus agasallos, a lectura cómplice do relato no banco), Chus Pato (Urania sempre), Carlos Negro (E onde madre só ve galiñas poñedoras de ovos, / eu sei da elegancia de porcelana dos cisnes) e Álvaro Negro (inexcusábel pasar a ver as fotos da exposición).

Onte, as imaxes e as voces encheron a sala, foi un pracer estar alí, escoitando os vencellos íntimos que os tres poetas estableceron coas instantáneas de Álvaro Negro.

E agora podería escreber algunhas das notas que tomei mentres os escoitaba, pero mellor non. Mellor que experimentedes o libro, unha beleza.



Prohibido gozar
08/12/2009, 20:56
Filed under: Palabra

Nunca pensei que este verbo tivese un único sentido (non me estou a refererir ao significado). Quero dicer que fose unidireccional. Quero dicer que só estivese reservado para o varón nun dos seus significados. Si, xa sei que o diccionario da RAE está cheo de prexuizos e misoxinia pero non sospeitaba que na terceira acepción do verbo gozar aparecese isto: 3. tr. Conocer carnalmente a una mujer.

Consulto o Manuel Seco ( unha desas inversións memorábeis que fixen na Carreira): 3. lit Poseer sexualmente [a una mujer]. Non acabo de entender o significado dos corchetes…

Neste senso o diccionario da RAG e o Gran Diccionario de Xerais son un exemplo, e non recollen este significado.

Inevitábel non pensar noutras linguas.

Consulto o Collins español-inglés, a segunda entrada indica: (muller) to have, seduce. Daquela tamén recollen ese senso, outra vez de xeito unilateral.

Consulto o Collins Pocket de francés: jouir, o significado non recolle ningunha dirección, nin fai distinción entre home e muller.

Consulto un diccionario calquera on-line en italiano, tampouco recolle a distinción.

Collo do andel o Moderno Dicionário de Lingua Portuguesa. Para os estudantes e para o povo, de 1939. Podía pensar que, ao ser case unha reliquia, o disparate puido rexistrarse, mais sorpresa, non aparece ningunha referencia a home ou muller.

Semella que, nalgunhas linguas, gozar só está reservado para o varón, e a muller é a fonte dese goce.

Xa visualizo un sinal de tráfico: prohibido gozar se és muller.



Dúas poetas no mundo
03/12/2009, 15:35
Filed under: artigo, poesia

Sei que o título pode levar a engano. Diso se trata. Fun renovar o permiso de conducción e a muller que me facía o psicotécnico (unha doutora penso) preguntoume polo meu traballo. Escribo dixenlle. E ela quixo afondar interesada, amábel: Novela ouPoesía dixen. Ahhhhhh, pois eu coñezo a a a a Yolanda Castaño. Mira Yolanda  Castaño e ti, non debe haber ninguén máis que escriba poesía.

Ollos coma pedras. Respostei: Sorprenderíase. Hai todo un submundo…

Velaiquí o motivo do post. A miña resposta. SUBMUNDO. Foi consciente ou inconsciente? Podo culpar á doutora de pensar que só hai dúas escritoras de poesía no mundo (mundo Galiza)? Ou estaría sendo inxusta? Hai un par de semanas, no Encontro de novos escritores, descubro a tres poetas novísimos. (Fascinada con Gonzalo Hermo e a súa Escola do resentimento.) Daquela se eu mesma ando a descubrir novos poetas como…

Saín, chovía como chove aquí. Por favor, un raio do ceo que lle dea toda a visibilidade á poesía.



José Emilio Pacheco
01/12/2009, 16:17
Filed under: Literatura, petit trèsor, poesia

MEMORIA

No tomes muy en serio
lo que te dice la memoria.

A lo mejor no hubo esa tarde.
Quizá todo fue autoengaño.
La gran pasión
sólo existió en tu deseo.

Quién te dice que no te está contando ficciones
para alargar la prórroga del fin
y sugerir que todo esto
tuvo al menos algún sentido.