Sucos: blog de Dores Tembrás


Eu ou nós?
23/11/2009, 15:10
Filed under: Evento, Lingua, Literatura

O venres e o sábado celebrouse no Castelo de Santa Cruz o IV  Encontro de novos escritore@s organizado pola AELG.

Foron dous días intensísimos, catro mesas redondas, e moitas caras novas para min, tamén algunhas coñecidas.

Como escritora novel agradezo moito esta iniciativa, este encontro, a posibilidade de coñecer o ultimísimo en poesía, re-coñecerme no discurso doutros escritores ou sentirme absolutamente diverxente.

MESA I: A literatura (auto)referenciada. Iolanda Zúñiga, Inma López Silva e Alberto Lema, coordinando a mesa Mª Xesús Nogueira. Os distintos xeitos de chegar á literatura. As autoreferencias na propia literatura. Pareceume un tema interesantísimo. Pensar en que  tanto a literatura que me precede coma a que é coetánea teñen un peso importante, non tanto coma influencias directas senón máis ben coma compañeiras de camiño. Leo a Olalla Cociña e descubro unha escrita paralela na que podo recoñecerme. Leo a mestras como Eva Veiga ou Pili Pallarés, entre outras, e son referentes fundamentais, luces que guían.

MESA II: Noticias da poesía última. Alicia Fernández, Andrea Núñez e Gonzalo Hermo, coordinando Elvira Riveiro Tobío. Para min a mesa máis esperada. Interesantísima. Descuberta dos tres relatores. Novos, novísimos. O último, recén saido do forno. A posibilidade de reflexionar sobre o peso da poesía dos 90, o que se está a facer, o que se anda a procurar. Altísima calidade. Parabéns aos tres.

MESA III: (Auto) edición: a mirada do libro de autor/a. Carlos Vinagre, Baldo Ramos, Uqui Permui, coordinando Antía Otero.  Foi apaixoante. Libros obxecto, obras de arte para contemplar e ler. O paradiso. Coñecía a obra magnífica de Baldo Ramos, pero non aos outros dous relatores. Interesantísima exposición tamén a de Uqui Permui, que me trouxo de volta os libros de Eloisa la Cartonera, dende Buenos Aires. Interesante aproximación ao contexto portugués da man de Carlos Vinagre. Ganas infindas de facer libros fermosos, libro-obxecto, libro-desexo.

MESA IV: O peso da nación. María Lado, Estíbaliz Espinosa, Séchu Sende, coordinando a mesa Francisco Castro. Foi unha mesa realmente refrescante, cando podería parecer todo o contrario. A exposición de Estíbaliz Espinosa, diáfana, suxerente, certeira. A de María Lado fantástica, fantástica. Ganas infindas de falarlle do seu Berlin, pero xa haberá ocasión. Xenial tamén Sechu Sende, a necesidade do humor, e tódalas anécdotas recoñecíbeis.

Foi un encontro moi productivo e interesante. Por suposto, o castelo, tódolos cafés, tódalas conversas. A noite de Santa Cruz.

A clausura non puido ser mellor, recital na fundación Luis Seoane de Eduardo Estévez, Alicia Fernández, Antía Otero, Mario Regueira e Elvira Riveiro, xunto co colectivo Oruga. Música, imaxe e palabra para deixarnos a todos mudos.

Advertisements

5 Comentarios so far
Deixar un comentario

Mágoa non ter acudido, Dores, as secuelas da gripeA fixeron que me decantara por ficar na casa baixo manta e calefacción. Agardo que haxa oportunidade de vernos no “Achegarte” esta finde semana, se finalmente nos animamos a ir ata Coruña.
Apertas miñas e de Juanma!

Comentario por Berta

lamentei perder case todo o encontro. xa sabes que só estiven nunha mesa… dela teño que destacar a intervención de baldo: non só traía un material intenso e interesante senón que elaborara un discurso completo e complexo sobre a súa obra e, a partir de alí (que é o que se agradece en ámbitos como ese) un monllo de propostas, análises estratéxicos e posibilidades reais e realistas de desenvolver unha “industria” (a do libro de autor) que está francamente verde. uqui representaba unha experiencia importante e vinagre… non me interesou en absoluto, que queres que che diga…

Comentario por edu

Estes encontros sempre son interesantes. Hai ideas. Debate. E sobre todo xente coa que encontrarse e falar de literatura, da vida, de todo o que é importante.

Comentario por náufrago

Estaba desexando o teu post sobre o encontro. Xa chegou! Bicos, bicos, e espero verte a fin de semana.

Comentario por abm

Eu tamén lle saquei moito proveito ao encontro e estiven realmente cómoda coa xente que alí se xuntou. Foi tamén un pracer compartir mesa e conversa :)

Comentario por Lorena




Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s