Si. Antonte foi o día. Apenas acredito que xa pasara. Tan desexado. E ainda que as expectativas eran inmensas, o certo é que a realidade superou as ficcións do pálpito.
O primeiro encontro foi coas mestras de 1º de EXB (Educación Xeral Básica), Marisa e Linucha. Apértanme e son nena con disfraz de bailarina. A emoción íntima, indescriptíbel, de saberme na casa entre xente querida.
Levei o tear, ese rectángulo de madeira que se ve na foto é un tear (as puntas tortas, oxidadas), fíxomo meu pai cando eu tiña seis anos. Ao mostralo no salón de actos un par de suspiros escoitáronse en toda a sala. Momento tear. As mestras que me fixeron tecedora non daban creto.
Nunca me sentei ante un público tan esixente. O mellor da xornada foron as preguntas dos rapaces e rapazas. Algunhas insospeitadas. Divertidas. Comprometidas. Foi xenial compartir o pouso, a lignina, a desnatadora, as cuadrículas, con vós.
Non podo máis que expresar o meu agradecemento á alcaldesa de Bergondo, Dna. Alejandra Pérez, ao director do CIP Cruz do Sar, José Antonio Iglesias e a todo o equipo de docentes que organizaron a actividade.
Contar co editor e amigo Miguel Anxo Fernán-Vello foi un verdadeiro pracer. As palabras, o alento.
Alí, tan perto da que foi a miña aula, o armario empotrado, a xelatina lila, Borja y Pancete (eu tamén navegando no seu barco). Daquela tódolos recreos por vir sen sospeitar o de antonte. Agradecida. FELIZ.
6 Comentarios so far
Deixar un comentario
Vaia detallazo o do tear!! Que bonito!! Deberon quedar todos pasmados. E aínda o conservas, que lindo!! E que sorte poder devolver en forma de poemas o teu cariño as mestras que te ensinaron hai tantos anos. Na foto estás moi feliz. Gústame moito o do tear. Noraboa.
Comentario por maría rodríguez 12/11/2009 @ 12:38Que envexa! Por conservar o tear! A min rompeumo o meu irmá. Por conservar o colexio dos primeiros ano! Pechouno Educación por haber poucos nenos no pobo. Seguro que foi emocionante.
Comentario por Vane 13/11/2009 @ 00:01Espero que cos anos estes nen@s poidan recordar que tiveron a sorte de que Dores Tembrás lles fixo unha visita presentando o seu primeiro traballo… Con moito cariño – Sonia.
Comentario por Sonia 13/11/2009 @ 17:10Que emocionante, Dores!Parabéns polo éxito do encontro…e polo abrazo ás mestras, polo tear-fósil recuperado, as miradas borrachas de palabras e as palabras embebidas de espectación. Parabéns polo traballo. Un bico
Comentario por abm 13/11/2009 @ 19:58Tivo que ser fermoso o do tear. Véxote moi contenta na foto. É fermoso que pasen días así, como de recreo…
Comentario por náufrago 22/11/2009 @ 17:59os meus parabéns ( aínda que tardíos)… hoxe lémbrome de ti… mañá na Senra, Yolanda Castaño, Enma Couceiro, Estibaliz Espinosa e Xoan Curiel, no acto ” versos e acordes contra a violencia de xénero”… unha honra, ter contado contigo e agora con tan fabuloses autores. bicos, moita sorte, e por suposto… GRACIAS. Alejandra
Comentario por alejandra 24/11/2009 @ 20:14