Sucos: blog de Dores Tembrás


Feira do libro da Coruña
02/08/2009, 13:37
Filed under: Evento, poesia, presentacion

feira_libro_coruña

Onte percibín a feira do libro de forma distinta. Non foi coma outros anos, desta vez mirei con máis atención os postos, repasei o programa varias veces,  foi estrano descubrir o meu nome xunto co do pouso no conxunto de actividades organizadas arredor da feira do libro. Hoxe, domingo, estou convidada a asinar exemplares do poemario a partir das 19:30.

Había moitísima xente. Rivas asinando libros, pintando paraugas xunto ás adicatorias, e eu coa tentación de dicirlle o moitísimo que o admiro e canto desfruto da súa literatura.

Rivas_asinando

Asistín á presentación do libro Erofanía de Yolanda Castaño, un volume recopilatorio das súas tres primeiras obras. Foi unha presentación cálida, plena de agradecimentos e  amizade na mesa compartida con Miguel Anxo Fernán Vello e Teresa Seara. A lectura dos seus poemas, na tarde de onte, levoume á Facultade de Filoloxía no ano 97,  á primeira vez que a escoitei recitar. Foi un pracer breve, tan só tres poemas, unha delicadeza escoitala.

presentacion_Erofania

Advertisements