Sucos: blog de Dores Tembrás


intimidades
04/06/2009, 15:10
Filed under: misc

Hoxe púxenme a pensar na palabra intimidade, íntimo, intimus: INTERIOR. Pensei no necesario de que existise, a posibilidade de ser no adentro. Pero a intimidade é tamén ocultarse dos outros, dos ollos que non queremos que nos vexan, dos que queremos preservar un espazo, un tempo. Cando penso en intimidade case sempre vexo unha casa, un cuarto; non un espazo aberto, unha eira, ou unha fraga e, sen embargo,  aí tamén é posible.

Cantos collen na intimidade? Un?, dous?, catro?, mais de dez?, menos de vinte e tres?. Pensei nos diferentes tipos de intimidade dependendo do número de persoas que participen nela, do grao superlativo que adquire canto menor é ese número, dos matices que acepta. Do que escasea. Pensei na complicidade inherente á intimidade.

E mentres escribo isto tecleo: é preciso tempo para que a intimidade se dea? Ou pode suceder con alguén que acabas de coñecer?

Intimar, intim(id)ar, intimidades, interno, interior

Momentos íntimos para respostarme: soa, con outra persoa, con outras parellas de amigos, a intimidade da familia. Ata aquí as cotas máis altas.

Reunións de máis de oito persoas, encontros con extranos, multitudes. Pouco ou nada de intimidade.

E agora seguirei agochando  intimidades entre os sucos, poñéndoas a proba cos descoñecidos,  sorprendéndome, ocultándome dos outros ollos.

Advertisements

2 Comentarios so far
Deixar un comentario

Eu penso que a intimidade é das minorías. O verdadeiramente íntimo queda reducido a un espazo moi pequeno, como ti mesmo dis, seguindo a etimoloxía, está reservado ao interior. Ás veces nós mesmos sorprendémonos do noso propio interior, das nosas intimidades, que ata ese momento non coñeciamos. Por iso os que verdadeiramente coñecen o que levamos dentro son os que nos coñecen co paso do tempo, porque só eles poden encaixar as pezas que conforman o noso quebracabezas humano. Unha confesión fortuita cun estrano pode contribuír a que esa persoa coñeza máis o interior das persoas en xeral, da psicoloxía humana, pero en realidade moi pouco de nós, que pouco problamente lle interesemos.

Comentario por maria

Estiven a darlle moitas voltas ás palabras de María sobre a intimidade. Paréceme unha reflexión moi interesante e bastante profunda. Que a confesión puntual nos conceda un maior coñecemento dos seres humanos, pero non da persoa concreta, cuxo coñecemento precisa dun tempo de coción más amplo e máis lento…Esa María!Ves, Dores, a marabilla do teu blog tendendo lazos?Un biquiño

Comentario por Ana BM




Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s