Sucos: blog de Dores Tembrás


Poniatowska
10/05/2009, 23:20
Filed under: Conferencia

Escoitala o venres foi unha experiencia sinxela e profunda. Esta muller de mirada directa, amabilísima e encantadora deixou ao seu auditorio impresionado e aplaudindo con emoción: alí se xuntaron as Jesusas, as mulleres de Ciudad Juárez, as voces descalzas, incluso Octavio Paz e Carlos Fuentes. Foi un verdadeiro pracer escoitala, sentín estar ante unha lenda.



Vaia
08/05/2009, 12:59
Filed under: misc, poesia

Pois si, algo así coma un exame, tendo en conta que te están grabando, que queres explicalo todo bem, que estás nervosa, que quen che fai as preguntas é Ana Romaní (querendo dicirlle todo o tempo que lle debes tanto por ese Love me tender). O pouso, que é? Boa pregunta…mmm pois é un concepto que xurde en terras nórdicas, supoño que motivado dalgún xeito pola morriña, o pouso é a memoria, o recoñecimento á xenealoxía, a infancia a medio amortallar… Se queredes máis escoitade hoxe a entrevista no programa Diario Cultural de Radio Galega (15:00 a 16:00).



Cinco minutos
08/05/2009, 12:26
Filed under: misc, poesia

para a primeira entrevista da miña vida na radio. Sinto coma se me foran facer un exame para o que non estudei!



Presentación do libro II
04/05/2009, 22:22
Filed under: poesia, Pouso, presentacion

Recollendo as galletas. O xoves 30 a iso das doce da mañá pasei por Praliné, alí agardaban 156 galletas coas letras do título, 13 ducias de O POUSO DO FUME empaquetadas con cintas vermellas:

Galletas de Praliné para a presentación

Cando chegamos a Moret Art ainda non había ninguén pero alí estaba o cadro de Manuel Suárez, xunto á nosa mesa. Manolo grazas por esta magnífica obra preñada de fume. Detrás dúas das obras de Xurxo Gómez-Chao que expón en Moret Art ata o 29 deste mes. Un título de galletas na nosa mesa:

Outra vista da sala, xa con Teresa Seara e outros amigos que ían chegando:

Aquí estou adicando un dos primeiros libros, antes de que comezase o acto:

Outra vista da sala, co acto a piques de comezar, e tanta xente querida agardando:

Nuria Blanco, directora do espazo, deunos unha cálida benvida. Grazas Nuria, de verdade que foi un pracer presentar o libro en Moret Art; sei que coidastes cada detalle. Como dixen daquela, desexo que sexa o primeiro de moitos encontros!

Nuria Blanco, de Moret Art, introduce a presentación do libro

Durante a intervención de Miguel Anxo Fernán Vello, director de Edicións Espiral Maior, que despositou no meu traballo toda a súa confianza:

Fernán Vello na presentación de O pouso do fume

Acababa de rematar Teresa Seara, cunha intervención marabillosa, chea de amizade e cumpridos inmerecidos. Teresa, sempre aí, convidándome a recoller aquelas follas voandeiras en libro. Estou moi agradecida:

Durante a intervención de Eva Veiga, que foi demoledora, emocionante, cómplice, que non poderei agradecer nunca. Querida poeta, sabes que non deixarei de buscar pelas de manteiga para compartir contigo.

Aí xa rematara de falar eu, e convidaba a todos a probar as galletas. Estaba tremendamente emocionada!

Adicándolle o libro á miña profesora do instituto Flora Méndez, que non sabe ben a ilusión que me fixo compartir con ela esa tarde:

As madriñas do libro, Teresa Seara e Eva Veiga, agardándome, custodiando o tempo ao meu arredor. Que felicidade contar con vós sempre.

Xa non quedaba ninguén, pasadas as dez da noite. Pero por alí pasou tanta xente querida, xente que me viu medrar, que coñece ben o sustrato destas páxinas, amigos queridos, sempre xunto a min, familia incondicional, escritores e pintores admirados, mestras definitivas. Síntome moi agradecida de que me acompañásedes ese día, foi unha tarde incríbel, cuns discursos na mesa inesquecíbeis, grazas por arrouparme deste xeito tan xeneroso.

Aquí vos deixo unha escolla de poemas que lín ese día.

cartografía de palabras

repetir cada signo dentro da cuadrícula

papel en branco

pozo infindo

as palabras esvaran

por iso sempre cuadrículas

para salvalas

pequenas casas onde vivir para sempre

***

recibir anacos de louza apenas

pezas descunchadas inmóbiles

e naquela vitrina atemporal

descubrir selos e estampas de mortos

cubertería de alpaca verde

sabor inconfundíbel na sopa

daguerrotipos con cirurxía a lapis

e imaxinar intertítulos cos ollos abertos

perseguir polillas asasinándoas a palmadas

na loita pola madeira

aínda que en segredo

o seu labor me fascinara

e chegar ás escaleiras últimas que

levaban aos segredos

aos frascos vellos con recendo a menciña

baixar amodo

non caer

sortear o recendo do leite tépedo

e mirar por entre as contras

todo o que non pasaba

***

amor

que sostés os meus pulsos coma se foran

cuncas diminutas de cerámica chinesa

non sabes que as cereixas

deixaron de medrar

ata que volvas

***

anicada

ando a pensar palabras

pelas de manteiga

mentres o fume

se extingue

na mañá

cómo dicer

que marchaches

e eu

sen saber usar

a desnatadora

***

todo preñado de fume

brazos tisnados

ela miraba levedar o pan

sabendo que o horreo podrecería

trala morte

que non habería maínzo que gardar

o aramio do tendal roto

as vacas esganadas por calquera mazá

a roseira trasatlántica segada coma herba mala

ninguén máis fregaría a cociña de ferro

a couza dona da casa perforando vigas

cadeiras

colchas

maldita mirada sabedora

porque eu quería que non souberas

quería que o forno non rebentara

para esquencerme da túa morte



Que estrano ouvirse na radio!!
04/05/2009, 16:27
Filed under: misc, poesia

Vaia, pois xa saiu!! E que estrano ouvirse na radio, pero que felicidade. Toda esta semana sairá un poema do libro fechando o programa Diario Cultural. Estou moi contenta de escoitar os poemas na radio, pero sobre todo no programa de Ana Romaní, poeta admirada dende a lectura de Love me tender (24 pezas mínimas para unha caixa de música), libro que recomendo encarecidamente!!!



Poema na radio!!!
04/05/2009, 15:50
Filed under: poesia

Estou a piques de escoitarme recitando un dos poemas de O pouso do fume no programa Diario Cultural, dirixido por Ana Romaní, na Radio Galega!!! Felicidade.



Presentación do libro I
01/05/2009, 14:46
Filed under: poesia, Pouso, presentacion

Esta non é a entrada definitiva sobre a presentación, pero precisaba agradecer con carácter de urxencia á toda a xente que onte me acompañou en Moret Art. Foi un pracer compartir o libro convosco, foi un día pleno, emocionante, cheo de reencontros felices. Espero poder escribir con tempo esta semana, poñer as fotos  e agradecer a todo o mundo como se merece. O libro non puido estar mellor arroupado!



Recordo
01/05/2009, 02:02
Filed under: misc, Pouso, presentacion

Si, agora xa é un recordo, pero imborrábel.