Sucos: blog de Dores Tembrás


Presentación do libro II
04/05/2009, 22:22
Filed under: poesia, Pouso, presentacion

Recollendo as galletas. O xoves 30 a iso das doce da mañá pasei por Praliné, alí agardaban 156 galletas coas letras do título, 13 ducias de O POUSO DO FUME empaquetadas con cintas vermellas:

Galletas de Praliné para a presentación

Cando chegamos a Moret Art ainda non había ninguén pero alí estaba o cadro de Manuel Suárez, xunto á nosa mesa. Manolo grazas por esta magnífica obra preñada de fume. Detrás dúas das obras de Xurxo Gómez-Chao que expón en Moret Art ata o 29 deste mes. Un título de galletas na nosa mesa:

Outra vista da sala, xa con Teresa Seara e outros amigos que ían chegando:

Aquí estou adicando un dos primeiros libros, antes de que comezase o acto:

Outra vista da sala, co acto a piques de comezar, e tanta xente querida agardando:

Nuria Blanco, directora do espazo, deunos unha cálida benvida. Grazas Nuria, de verdade que foi un pracer presentar o libro en Moret Art; sei que coidastes cada detalle. Como dixen daquela, desexo que sexa o primeiro de moitos encontros!

Nuria Blanco, de Moret Art, introduce a presentación do libro

Durante a intervención de Miguel Anxo Fernán Vello, director de Edicións Espiral Maior, que despositou no meu traballo toda a súa confianza:

Fernán Vello na presentación de O pouso do fume

Acababa de rematar Teresa Seara, cunha intervención marabillosa, chea de amizade e cumpridos inmerecidos. Teresa, sempre aí, convidándome a recoller aquelas follas voandeiras en libro. Estou moi agradecida:

Durante a intervención de Eva Veiga, que foi demoledora, emocionante, cómplice, que non poderei agradecer nunca. Querida poeta, sabes que non deixarei de buscar pelas de manteiga para compartir contigo.

Aí xa rematara de falar eu, e convidaba a todos a probar as galletas. Estaba tremendamente emocionada!

Adicándolle o libro á miña profesora do instituto Flora Méndez, que non sabe ben a ilusión que me fixo compartir con ela esa tarde:

As madriñas do libro, Teresa Seara e Eva Veiga, agardándome, custodiando o tempo ao meu arredor. Que felicidade contar con vós sempre.

Xa non quedaba ninguén, pasadas as dez da noite. Pero por alí pasou tanta xente querida, xente que me viu medrar, que coñece ben o sustrato destas páxinas, amigos queridos, sempre xunto a min, familia incondicional, escritores e pintores admirados, mestras definitivas. Síntome moi agradecida de que me acompañásedes ese día, foi unha tarde incríbel, cuns discursos na mesa inesquecíbeis, grazas por arrouparme deste xeito tan xeneroso.

Aquí vos deixo unha escolla de poemas que lín ese día.

cartografía de palabras

repetir cada signo dentro da cuadrícula

papel en branco

pozo infindo

as palabras esvaran

por iso sempre cuadrículas

para salvalas

pequenas casas onde vivir para sempre

***

recibir anacos de louza apenas

pezas descunchadas inmóbiles

e naquela vitrina atemporal

descubrir selos e estampas de mortos

cubertería de alpaca verde

sabor inconfundíbel na sopa

daguerrotipos con cirurxía a lapis

e imaxinar intertítulos cos ollos abertos

perseguir polillas asasinándoas a palmadas

na loita pola madeira

aínda que en segredo

o seu labor me fascinara

e chegar ás escaleiras últimas que

levaban aos segredos

aos frascos vellos con recendo a menciña

baixar amodo

non caer

sortear o recendo do leite tépedo

e mirar por entre as contras

todo o que non pasaba

***

amor

que sostés os meus pulsos coma se foran

cuncas diminutas de cerámica chinesa

non sabes que as cereixas

deixaron de medrar

ata que volvas

***

anicada

ando a pensar palabras

pelas de manteiga

mentres o fume

se extingue

na mañá

cómo dicer

que marchaches

e eu

sen saber usar

a desnatadora

***

todo preñado de fume

brazos tisnados

ela miraba levedar o pan

sabendo que o horreo podrecería

trala morte

que non habería maínzo que gardar

o aramio do tendal roto

as vacas esganadas por calquera mazá

a roseira trasatlántica segada coma herba mala

ninguén máis fregaría a cociña de ferro

a couza dona da casa perforando vigas

cadeiras

colchas

maldita mirada sabedora

porque eu quería que non souberas

quería que o forno non rebentara

para esquencerme da túa morte


8 Comentarios so far
Deixar un comentario

Canta emoción, expresa e contida, contaxiándonos a todos. Quedará o pouso.

Comentario por Ana BM

Hola,
He leido tu libro y francamente has conseguido emocionarme y que las lagrimas brotaran sin consuelo iniciando en mi ese proceso de purificacion de mis origenes. Gracias por tu claridad en la expresion de sentimientos, para los que nos cuesta tanto escribirlos es un placer tomar las palabras prestadas de alguien como tu.
Un besote, Rocío la nieta de Leo

Comentario por Rocio

Rocío, non sabes como agradezo as túas palabras que ,entre outras cousas, deixan intuir o que para ti significa o amor á xenealoxía.

beixos

dores

Comentario por dorestembras

En muy poco tiempo tres amadísimos partos, tres bellísimas criaturas (ROMEU, tu visión de Alejandra Pizarnik y O pouso do fume)
Sabes que, aunque no pude estar acompañándote en un momento tan maravilloso como el que viviste en la presentación, te deseo lo mejor para esta nueva etapa de tu vida. Enhorabuena.

PD: sigo haciendo el esfuerzo de comprender todo lo que deseas transmitir, aunque en la traducción siempre se pierde.

Comentario por Cristo

Parabéns, Dores… foime imposible asistir… non sabes canto me alegro saber de ti e coñecer a túa experiencia na vida… Adiante! Unha aperta. Pepa.

Comentario por pepa gonz

Prezada Pepa, se non me equivoco ti és unha das dúas profesoras definitivas do insituto! (Así aparece na sorte de biografía da miña web) Que ledicia o teu comentario. Non tiven nunca a oportunidade de agradecerche aquelas magníficas aulas nas que tanto traballei e aprendín (e aqueles caderniños de Celso Emilio e Castelao).Que sorte ler da túa man a tanto escritor fundamental das nosas letras porque, por se ainda tés dúbidas, influiches de xeito definitivo na miña aproximación analítica e vital á literatura. Que reencontro inesperado e feliz. Apertas, dores.

Comentario por dorestembras

Aínda gardo dúas estrelas de mar vermellas que selaron a convivencia daquel curso onde o único que fixen foi retroalimentarme da túa curiosidade, entusiasmo e cariño. E agora… despois de tanto tempo as túas palabras danme ánimos para seguir… Graciñas –

Comentario por pepa gonz

[…] a tódolos agradecimentos aqueles, que escribía hai un ano, hoxe sumo a tódalas persoas ás que o pouso me levou. Persoas que chegaron para quedarse.  […]

Pingback por Un ano de pouso « Sucos: blog de Dores Tembrás




Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s



A %d blogueros les gusta esto: