Sucos: blog de Dores Tembrás


“Crear para contar” no CEIP Rosalía de Castro
28/05/2012, 11:38
Arquivado en: Literatura, Obradoiros, poesia

Con motivo da celebración do 25 Aniversario do CEIP Rosalía de Castro fun convidada a falarlles aos rapaces de 3º ciclo de primaria sobre o proceso de escrita, sobre como crear historias e construir poemas.

Foi unha mañá linda. Chegar ao centro, ficar marabillada mirando para as paredes nas que estaban pendurados os traballos  das distintas aulas, as fotos dos máis pequenos ilustrando un poema de Rosalía de Castro, os cartaces gañadores do día das letras. Admirarme co traballo que leva a cabo o equipo docente nos distintos niveis.

O paseo polo centro remata na exposición conmemorativa do 25 aniversario. Emocionante. De seguida me contaxio do entusiasmo do director Jesús J. Celemín, que me fala dos comezos da escola, que me ensina as fotos do alumnado que pasou por alí ao longo destas décadas.

Pouco despois xa estou a falar na biblioteca, contando como comecei a escribir, que fago para construir o poema. Foi un encontro  divertido e inspirador no que a rapazada fixo intervencións de moito interese. No que falamos de obxectos queridos, das  historias que nos gustaría escribir. E así mudamos os finais dos contos clásicos e inventamos historias sobre a botella chegada de Paris. E nun desvío delcioso chegamos ás cereixas, aos peizoques.

De súpeto, a petición dun poema. E os aplausos máis espontáneos que me rinden.

Unha mañá na que seguir fascinándome co nivel das aportacións das rapazas e rapaces de 5º e 6º. Unha cita que rematou en flor e cunca. Fico tan feliz e agradecida.

Parabéns a todo o persoal que compón o Rosalía de Castro por estes vintecinco anos! Eles alentan e forman os soños do noso futuro.

Desexando voltar.



Máis poesía no Elviña
08/05/2012, 15:16
Arquivado en: Lingua, Obradoiros, poesia

O pasado día 4 voltaba ao Instituto Elviña, envolta de frío, de grafitis e versos para compartir co alumnado de 1º de bacharelato.

Os profesores, algúns vellos amigos, a biblioteca eterna.  E foi xuntar as mesas e as cadeiras, proxectar as imaxes na pantalla e saber que o que alí acontecía era só para nós. Un privilexio.

E aínda que unha queira entregar a palabra con esfuerzo aprendida, ás veces si e ás veces non. Pero alí, Neruda e Cortázar para remontar o mundo, e Vukusic, e Neorrabioso.

Entre o senfín de palabras, versos, listas, o temor a expoñerse, a ser revelado polos demais a través da sinatura: amiga, tabaco, comprensión, honestidade, fútbol, amorodo, a cor rosa, a pintura, recompensa, nada, vinganza, auga, ilusión, vacío, océano, nostalxia, alcohol, verde, ledicia, lume, rizos, empatía, beleza.

Sempre agradecida a Lois, Pepa, Charo (que ademáis fixo unha presentación xenial do día) e os titores implicados.

Sempre desexando voltar.



Poesía + Poesía: Obradoiro na Coruña
13/04/2012, 22:01
Arquivado en: Literatura, Obradoiros, poesia

Teño escrito, noutras ocasións, sobor da importancia que teñen os obradoiros de poesía para min.

Cando son eu quen os conduce, como a posibilidade de achegar o poético a lectores que nun comezo se sinten distantes do xénero, pero tamén a lectores devotos ou inéditos. Sen dúbida o reto é maior canto maior é a distancia que os asistentes me din que sinten coa poesía. E sen embargo sempre o fascinio, a fortuna de que sexa a miña man quen abra a porta.

Cando son eu quen os recibe, como a posibilidade de seguir aprendendo outros xeitos ler.

Obradoiro tras obradoiro, xa sexan adolescentes, mozos que queren ser escritores ou adultos que deciden que desta si, que desta teñen tempo para atreverse a ler o que no pasado non, sempre unha ristra de prexuizos e tópicos que se confesan con máis ou menos pudor.  E daquela unha faísca de carraxe apunta nos meus dedos.

En que momento a poesía non? En que momento da vida se nos fai crer que a poesía é so para lectores avezados, para lectores que por ciencia infusa entenden a Quevedo e Góngora? En que momento a onomatopeia e a aliteración suplantan o principio dos principios ao ler poesía: a intuición, a capacidade de emoción da que todos estamos dotados?

Velaí radica para min un dos problemas máis graves.

Sen dúbida o modo canónico de achegar a poesía a nenos-adolescentes-adultos, na maior parte dos casos, non é eficaz. Cando menos non é fructifero á hora de formar lectores futuros de poesía.

E onde fica o desfrute, o éxtase que pode experimentarse cando damos cun poema, cun poeta que escribe para nos, que nos escritura?

Por sorte eu tiven moitas mans a abrirme portas. A poesía na casa, na escola.

No mes de maio dará comezo un novo obradoiro que organiza a librería Cascanueces na Coruña, un espazo para a descuberta de poetas galegos contemporáneos, de poéticas interesantes, un espazo no que aprender outros xeitos de ler, os distintos camiños que poden levarnos ao centro da palabra. É un obradoiro concebido para lectores ou escritores, para recén iniciados ou expertos. É un obradoiro concebido para o desfrute. Para afondar na linguaxe, no prodixio do mecanismo do poema.

O prazo de matrícula xa está aberto. Arrincamos o 8 de maio, tódolos martes de 18:00-20:00 durante tres meses. Número de prazas limitado.

Máis información: eltallerdelcascanueces@zaerasilvar.es

Estou desexando que nos demoremos en calquera verso, no que ti escollas. Estou desexando coñecerte.



Obradoiro de Poesía no Fórum
28/01/2012, 22:47
Arquivado en: Obradoiros, poesia

Na vindeira semana (30 de xaneiro-3 de febreiro) remata o prazo de matrícula para o obradoiro de poesía galega contemporánea do Fórum.

Neste cuadrimestre temos a sorte de que Estíbaliz Espinosa se encargue dunha parte das sesións.

Xa sabedes, tódolos mércores ás 17:00.

Vémonos alí!



POESÍA + GRAFITI EN CARRIL OU Cita a cegas
06/11/2011, 11:25
Arquivado en: Obradoiros, poesia

Lendo o post do blog da biblioteca de Carril despois do meu obradoiro POESÍA + GRAFITI veuseme á mente a idea de cita a cegas. Sempre é un pouco así, quedas cun grupo, desta volta eran 27 rapazas e rapaces de ciencias, e antes do día cóntanche cousas, vas sabendo.  Elucubras. Imaxinas.

Pero chega o día, o pasado venres, e coma sempre, antes de tempo, e miro os cartaces do hall, e non descubro o tendal cos meus poemas, as fotos, alí, tan alí, eles xa sabían como era eu, algo do que escribira, pero igual a curiosidade.

Sorrío ao ver os versos pegados polo instituto, e pregúntome se a da foto son eu.

Daquela entran  na biblioteca e Ana preséntame oficialmente (ARROIBO). E tódolos ollos alí, para min, prendidos no primeiro grafitti que o proxector.  Si, claro, son de ciencias, pero, pero a poesía.

E entón analizamos as imaxes, e eu aplaudo os comentarios agudos, as observacións intelexentes, falamos do que si e do que non, de emoción e mensaxe, de palabras. É un grupo atento, que se concentra no discurso, que gaña puntos co paso dos minutos.

E o agasallo chega na última parte da sesión, as súas palabras, as súas, que me comparten, despois do meu redondel. E alí, xa na intimidade do encontro, cada unha, cada un: avión, barco, rugby, risos, Cortegada, soños, mirada, curmáns, praia, piragüísmo, amigos, aldea, acampada-recordos-cáncer, piano-música, baile, piscina-auga, gafas, música- Papa-Roach, parque, baile, canción-Sabina, fútbol, exame, filmes, mar.

Pasará o tempo, e ao mellor non lembro os vosos nomes, pero si as vosas palabras, as vosas historias.

Foi unha cita perfecta, redonda. Grazas a tódolos alumnos e alumnas de 4º ESO, que estiveron dispostos a arriscar tanto coma min.

Grazas a toda a equipa de normalización do instituto do Carril Miguel A. González Estévez, aos mestres que se involucraron, ao persoal que fixo o imposíbel para que todo funcionase. Aos que quixeron que nos coñecesemos nesta cita pensando que funcionaría.

Obrigada.

Vémonos pronto, si?



Obradoiro de poesía no Fórum
06/09/2011, 18:20
Arquivado en: Evento, Literatura, Obradoiros, poesia

Si. Regresamos este curso co obradoiro de poesía no Fórum. Dende os clásicos ata o recén saído do prelo, con algunhas visitas dos autores.

O prazo de preinscripción comeza o vindeiro luns12 de setembro ata o mércores 14, no propio Fórum.

Quedaremos tódolos mércores ás 17:00 para tirar dos fíos e compartir poetas e poéticas.

Aquí máis información.

Será un pracer vervos alí!



Máis Poesía: Centro EPA de Ourense II
27/05/2011, 09:23
Arquivado en: Literatura, Obradoiros, poesia

Antonte escribín sobre  a sesión de poesía en Pereiro de Aguiar. Hoxe escribirei algo sobre a sesión de poesía no Centro EPA de Ourense. O grupo era moi heteroxéneo porque estaba integrado por varios grupos de alfabetización e tamén algúns estranxeiros que están en proceso de adquisición da lingua. Aínda así todas e todos traballamos sobre o concepto de poesía distinguindo matices que variaban según a proposta de cada un. Non era a primeira vez que traballaba con grupos de alfabetización e sempre o mesmo fascinio cando me contan que están aprendendo a ler e escribir. E sen querelo fan que mire os signos, as grafías, coma cando nena. E máis ca nunca descifradores. Léolles algúns textos do pouso, en entre os rostros unha complicidade coa terra que sela o pacto. Elena, Cristian e Michael veñen de Rumanía e Dinamarca, e fan verdadeiros esforzos por entenderme. E rimos, e poñémonos moi serios con algunhas palabras.

Nunca, nunca, antes de comezar un obradoiro, un monográfico, unha sesión, sei que podo contarlles da poesía para achegarllela, que botón hei de premer para embarcalos comigo. Para que a miren con outros ollos, ás veces mesmo para que a consideren. E a vehemencia, e a fe. Pensábao estes días, tentando repasar o meu “discurso” dende fóra.  Hai un par de frases que se repiten :

Creo profundamente no poder da poesía. Vino. Experimenteino.

Un bon poema é transformador.

Dígoas case coma un salmo. Dígoas mirando para eles, buscando a complicidade necesaria para seguir. Estas sesións non son de carácter teórico, só falamos de palabras, do que nos emociona, do desfrute ao recoñecermonos nuns versos. Diso falamos.

Quero agradecerlles a todos esa tarde na que me lembraron que o fundamental para aprender é a curiosidade. Aquela cesta de cereixas agardandao por nós. Grazas de novo a todo o equipo de docentes do Centro EPA Ourense por un día inesquecíbel.

Aquí deixo unha escolma desa tarde:

la ternura que siento

por las personas que quiero

me hace sentir que estoy contenta

conmigo misma

YURANY

Antes me lo creía todo

ahora no me creo nada

quiero decir, casi nada.

Este mundo sigue girando

y sigo sin verlo nada claro.

Me gustaría que todo fuese de otro modo

pero estoy desencantado de casi todo.

RAFAEL

pequeña Dulce,

mi gran tesoro

mi amiga fiel

gracias doy

en en mi vida estés

CARMEN

El amor es la pasión más grande

del universo

puesto que nace de un beso

como un pétalo en una flor

JUAN CARLOS

TIERRA

RÍO

comida

agua

BEATRIZ

xustiza

que polo ar

e pola terra

sen medios de transporte

levas a felicidade

aos corazóns da xente

JOSE

A terra da todo

Da terra nos alimentamos

Na terra vivimos

e a terra nos come

porque a ela volvemos

FLORA

Admiración necesito para vivir

para alimentar a miña alma

porque sen ela non seríamos nada

ROSA

Me gusta vivir aquí

porque es muy bueno para mi

mi amor

mi corazón

pertenecen a Marisa y a Ourense

MICHAEL



Poesía+grafiti no IES de Elviña
21/03/2011, 10:10
Arquivado en: Lingua, Literatura, Obradoiros, poesia

A pasada semana fun ao Elviña para unha sesión do obradoiro Poesía+grafiti. Sempre é fantástico regresar ao instituto dun, camiñar polos corredores como cando 14. A rapazada de 2º A e 2º B, os profesores Pepa, Lois e Charo. Non podía haber mais nin mellor predisposición.

Así falar da palabra, da imaxe. O poema. A mensaxe, o contexto, a potencia da poesía. E todos eles e elas, coas súas palabras, facendo versos. Ao marchar ver os post-its que logo anegarían o instituto. Eu xa coñecía algo aos cursos, lera algunhas entradas no seu blog uns días antes da miña visita, fan un traballo fantástico nel. Impresionantes os resultados que nos días seguintes puiden ler nos seus posts, grazas a adicación de Pepa para redondear os bosquexos que sairon do obradoiro:

Convertimos as rúas en poesía

Exemplo de grafitis

Xogando coas palabras

Ilusión, a poesía do soñador

Acción poética

Versos para soñar

Feliz de compartir con eles que o traballo coa palabra esixe compromiso, verdade. Saín pletórica (como di Yanca) tras dúas horas de achegas íntimas. Fico tan agradecida ao alumnado, a Pepa.

Non esquenzo o seu silencio despois de recitarlles o poema das cereixas.

Nas mans deles e delas está a poesía que ha de vir. Hai mellor celebración ca esta no 21 de marzo?

Desexos grandes de volver.



poesía+grafiti no instituto de Carril
03/03/2011, 13:27
Arquivado en: creación, Lingua, Literatura, Obradoiros, poesia

O martes fun ao instituto Miguel Ángel González de Carril.  Fun para dar o obradoiro: poesía + grafiti aos cursos  1º B e 1ºA.

Sempre resulta emocionante e alentador traballar poesía cos máis novos. Chegoume a pouco. A ambición  é sempre tanta, quero contarlles tanto e ter tempo para que traballen, para que falen das palabras das tarxetas, para que as fagan súas, para que o poético por fin entre as mans adolescentes.

Emocionante escoitalos recitar a Bécquer, que algún coñecese a Neruda, que definiran a poesía así, sen prexuizos, que falaramos dos grafiti de vilagarcía, do propio instituto, que me deixaran contarlles que as cereixas para min… Que os post-it habían de inundar corredores, portas, muros.

Ás veces unha sae coa sensación de que si, que foi verdade, que esas horas compartidas mudaron algo, que os versos que me entregaron ao final da sesión embeleceron aínda máis o frío da mañá no Carril.

Grazas a Ana, a Miguel, a Luli, ao centro por acollerme, por deixar que a biblioteca se convertira nun verdadeiro laboratorio poético.

Desexos de voltar.

Aquí vos deixo algúns versos:

Recordo as mañás de inverno

nas que ti e mais eu

escribíamos os nosos sonos no cristal

grazas aos nosos bafos

por fin soñabamos espertos

soños dun instante

soños que se esvaecían no tempo (Carla)

O baleiro é un branco potente

o baleiro e a soidade

eu teño que estar só

e non podo (Telmo)

unha gota de auga

forma un río

un río forma un mar

un mar forma un océano

un océano forma ideas (Alex)

As pezas dun puzzle

son como o meu corazón

a persoa que as xunte

será o meu gran amor (Thomas)

O honor, que é o honor?

para algúns unha palabra

para min, unha forma de ser

un recordo de tempos pasados

cabaleiros que respetan as xentes

persoas que se preocupan polos demáis

O “honor” unha tradición olvidada

Por qué ninguén pensa nel?

Que pasaría se volvesemos ao honor?

Habería máis xustiza?

Quen sabe! (Antón)

A vogal

o son das palabras

que eu escoito

no meu corazón (Xoán)

Non me gusta a tinta cando

as miñas mans vai ensuxando

Pero gústame cando se usa

para imprimir os libros

que leo pola noite

cando

dende o interior do meu boligrafo

vai correndo

e pégase no papel

as palabras

mantendo (Sandra)

caleidoscopio

é un mundo de cores

onde poder ver

amarelo e vermello (Manuel)

como as pegadas na area

o teu recordo

levouno a alta marea (Juan José)



Obradoiro de literatura no Fórum (Outono 2010)
13/09/2010, 23:20
Arquivado en: Obradoiros

Vai esta nota un pouco tarde, pero aínda hai tempo.

Comezou hoxe a preinscripción para un obradoiro que darei no Fórum Metropolitano (Coruña) este outono, tódolos mércores de 17:00 a 18:30. Nel traballaremos con textos de literatura galega, dende os clásicos ata o recén saído do prelo. Compartiremos lecturas e impresións debullando a palabra. A proposta: explorar os distintos xeitos de ler e escribir, os modos cos que nos enfrontamos á obra literaria.

A preinscripción  está aberta ata o mércores 15, pero no caso de non cubrir tódalas prazas será posíbel facelo a partir do 23 de setembro. Para ampliar información é mellor dirixirse directamente ao Forum. Aquí deixo o anuncio do programa de lecer completo.




Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.