Sucos: blog de Dores Tembrás


a galleta e o óboe
28/06/2011, 19:43
Arquivado en: arte, petit trèsor, poesia

Hai días ladeaba a cabeza ante o tweet: fago unha peciña pequena de oboe, para unha galleta e para Dores Tembrás. Son eu. A vaidade que me fai sorrir.

Non coñezo a @benxa_otero. E sen embargo, e sen embargo. Tres palabras: galleta, óboe, dores. E é coma sempre. O fascinio que me leva a querer saber. A curiosidade dos ollos que quedan xusto por riba da mesa, pés en punta. E chego ata o Linho do Cuco. E daquela a peza máis fermosa soa na mañá, inesperada. A beleza en 4:31. Secrets. O ouvido inexperto procura un óboe con ollos fechados.

Cada foto, cada encadre, revela uns dedos hábiles. E estudo a forma do óboe, o son. Porque alguén descoñecido, pero non estraño, ligou o meu nome ao dun instrumento que ata agora non. E a galleta, a galleta. A felicidade nada efémera que un tweet deixa na mañá, para levarme onda os segredos, deixándome imaxinar, imposíbel, esa peza de óboe compartida.

Ao mellor ese descoñecido non sabe que a terra, que o liño e o cuco para min. Importa?

Heinos escoitar en directo.

Heille regalar unha galleta a Benxamín Otero.



GV. discreción elocuente
10/05/2011, 18:56
Arquivado en: arte, artigo, creación

Se non saben voar

perden o tempo comigo

Detéñome a mirar a arquitectura do colo da camisa branca para home e aparece Joyce: Todos desexan ver que creas a obra que meditas. Et voilà. GV. Trala marca o home, Gonzalo Vázquez, a discreción elocuente dunha obra fascinante.

Chego a el da man dun amigo, pero logo outro e outro. Os tres escritores. Como é que eu non…? Sempre a mesma pregunta ante a revelación. Pero non, porque antes diso extravíome en reportaxes, entrevistas, blog, web oficial. Examino con cautela cada unha das entreteas desta proposta que me rinde. Comezando pola deconstrucción no concepto de moda e introducindo vestiario. Hai tralas pezas deste novísimo deseñador un maniquí tatuado de Barthes e Baudrillard.Un seductor habilísimo coa palabra e co patrón.

Leo con intriga o magnífico retrato que lle escribe Gualtiero De Santi e sorrío para min. Arte/Creatividade- Flâneur/Dandy -Materia/Espírito. Entre as últimas palabras: reconquista. Velaí está. Un reapropiarse dos signos e do simbólico sen lixos, despoxados de perversión, sen mácula. Non procuran iso os poetas? Así miro as súas pezas.

Algo en Gonzalo Vázquez lévame a De sobremesa, de Asunción Silva. (Penso naqueles posts, na febre. Agora tamén.) Esa vocación interdisciplinar, renacentista desvela un dos piares fundamentais deste proxecto que é GV. E así detéñome no Desexo intransitivo. Esas payets con gume, para escintilar na noite. Un poema de coitelas para amosar a pel.

Debilidades comúns. Releo o texto de Gonzalo Hermo que aparece no catálogo, recoñecendo nel ao autor e a súa elegancia atroz da Escola do resentimento. Os riscos da palabra. A seguir lembro aquela resposta no Protexta do deseñador sobre os tecidos e as obras literarias, e no centro Anxo Angueira co Valo de Manselle. Elas, elas, elas: admiradas Ugía Pedreira e Guadi Galego. Mag-ní-fi-cas.

A poética. Sinto necesaria esa reivindicación explícita da poética. E leo entre os versos do seu manifesto a vontade de sofisticación da orixe que parezo perseguir sempre. Así contemplo o traxe que Ugia Pedreira levou no concerto de Marful do Womex.

Axexo no GV lab. Sinto que estou ante un enfant xenial que xoga nos lindes, que gosta de divertirse, que experimenta. Hai na construcción do seu universo un coidado exquisito polo detalle, unha atención extrema á mensaxe implícita de cada peza. O talento posto ao servizo da reinvención. O nacre dos mexilóns escintilando entre cristais, o vermello máis Rosalía.

Quédome co estranamento, co surrealismo, Baudelaire e o antagonista, a devoción por Lois Pereiro, a colección de botóns vermellos, Alicia Fernández, a heterodoxia, María Miramontes, toda a curiosidade polo seu novo proxecto sobre Amor e desexo. A procura de hai semanas, entre o sol, do seu atelier por Compostela.

Sentir o abismo, un precipitarse por cada un dos fíos que me tende, que desganduxo con atención disciplinada, como esixe o proxecto GV, e que só pode conducir á admiración.

Tralo fascinio

inclinación de cabeza.



CAOS: Do persoal e o profesional nas artes
29/03/2011, 12:09
Arquivado en: arte, Literatura, pensamento

Sempre me interesaron os lindes entre vida e obra. Esa raia máis ou menos difusa, ese pozo de Alice polo que é tan doado escorregar.

Nas últimas semanas seguín con gran interese as Derivas (I, II, III, IV) que o crítico Armando Requeixo nos propón no seu blogue sobre a situación da crítica no noso país: unha análise das circunstancias e problemáticas. Un tema espiñento que el aborda con limpeza e honestidade e que recomendo encarecidamente. A súa lectura fixo que as miñas reflexións se amplificaran, porque nestas derivas tamén o persoal e o profesional. Así tomei camiños non transitados antes, sobre os que agardo volver de vagar noutro momento.

A cuestión central que me ocupa agora é a de considerar o proceso de transferencia d@s artistas nos seus traballos (poético, pictórico, escultórico, musical…) As obras de arte (e as outras) son prolongacións do individuo, en tanto manifestacións; é revelador a este respecto, ata que punto podemos chegar a identificar obra e autor, facemolo a cotío: vin un Kandisky, leo a Valente, palpei un Chillida…

É lóxico entender que as críticas e os parabéns se espellen directamente da obra ao autor.

[Antes de seguir debo confesar a obsesión que mantiven-manteño ao longo dos meus anos de investigadora, chegando case  á impertenencia con outros investigadores de Pizarnik (sobre todo norteamericanos) que traballaban ao mesmo nivel vida e obra. Sempre me pareceu isto terriblemente empobrecedor, apoiar a análise da poética nas circunstancias vitais do creador devaluaba a riqueza da creación. Fago esta aclaración porque non é contraria ao que tento expoñer hoxe aquí.]

Isto levoume a reflexionar sobre se todo é persoal. Repítome a pregunta a calquera hora. Coido que si. Todo é persoal. Pero encubrimos os nosos xuizos en trampas da linguaxe e ocultamos as vísceras. Para min a profesionalidade non é máis ca unha cualidade do persoal.

Lía estes días unhas notas sobre Boris Vian relacionadas con L’Écume des jours. Esa obra fundamental para el (para min, para millóns de lectores), que só acadaría o recoñecimento merecente moitos anos despois da morte do seu autor.

Esta obra de Vían debía baterse con Terre du Temps, de Jean Grosjean, no duelo polo “Prix de la Pléiade”, fundado por Gallimard. O combate real resolvía non só a calidade-grandeza das obras senón dúas concepcións da literatura moi distintas. Gañou Grosjean. A propósito da reacción de Vian o editor do volume que manexo anota o que sigue: “A reacción do novelista en ciernes é máis forte e máis violenta do que se podería esperar nunha persoa tan anárquica nos seus costumes e tan contraria a condecoracións e celebracións institucionalizadas como era Boris.”

Cando o compromiso do creador é total coa obra, como no caso de Vian, a decepción que pode causar unha mala crítica ou a perda dun premio é persoal. É curioso que un dos epígrafes da introducción do volume a L’Écume des jours sexa: “Boris Vian e a literatura do seu tempo: un escritor á marxe do compromiso”.

Puntualicemos: hai maior compromiso que o que Vian practicaba coa palabra, coa linguaxe, coa renovación da literatura? É mais, é posíbel outro tipo de compromiso?

Vian cambiou para sempre o significado de nenúfar.

Alguén a quen admiro profundamente sempre me di que o único xuiz é o tempo. (Esa metáfora das batallas e a guerra ecoando)

Si.

Pero non podo evitar a fenda ao saber que Vian (e tant@s outro@s) non viviu o éxito da súa obra, o seu.




Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.